O FIV DE VILALBA DESVELA O CARTEL DA SÚA DÉCIMO SÉTIMA EDICIÓN

Xaneiro 24, 2024

nota:

Esta mañá, durante a rolda de prensa celebrada na Casa da Cultura de Vilalba, a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, xunto con Carlos Montilla, director da promotora galega, I-radia Crea, deron a coñecer o cartel da décimo sétima edición do FIV, que se celebrará durante o 26 e 27 de abril en Vilalba (Lugo). Un ano máis, a localidade tínguese de fucsia na primavera, e contará de novo co Escenario Vibra Mahou ó que subirán diversos artistas e bandas nacionais e galegas de renome que farán bailar e gozar ao público durante toda a fin de semana.

Seguindo a liña indie que caracteriza ao festival, Iván Ferreiro e Dorian encabezarán a programación, seguido doutros grupos que se atopan na primeira liña no panorama musical: El Columpio Asesino, Veintiuno e Niña Polaca. Completan o cartel Grande Amore, Mondra, Lontreira, a Banda de Música de Vilalba, Serial Killerz, e como colofón á festa, estarán ó cargo dos mandos Eme Dj e Señora DJ.

“Con esta proposta musical volvemos a poñer o FIV no mapa, inaugurando a tempada de festivais. Estamos moi satisfeitos coa acollida recibida, xa que se vendeu a metade do aforo antes de publicar o cartel e o aloxamento leva semanas completo, demostrando a confianza e o entusiasmo que ten o público por esta cita”, sinalou Montilla.

Pola súa banda, a Concelleira de Cultura Tamara Rodríguez explicou a súa decisión de “devolver o festival á sua ubicación orixinal”, isto é: A Praza da Constitución. “Queremos achegar a xente ao centro da vila coa intención de poñer en valor o noso casco histórico e favorecer ao noso comercio e hostaleria” declarou. Rodríguez, que fixo especial fincapé na necesidade de camiñar cara un festival “sostible económicamente para o Concello” defendeu o formato de organización elixido para esta edición como unha fórmula que, mantendo intacta a esencia do FIV, “cumpre escrupulosamente cos criterios de rigor e responsabilidade presupostaria”

O festival contará un ano máis co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que impulsa os encontros en torno ao directo.

Tras esgotarse os abonos promocionais e o segundo tramo de abono Fiver xeral nas primeiras horas de saída á venda, así como tamén o “abono Fiver” a 38 euros (+g.x) posteriormente; dende hoxe estará dispoñible o último cupo de abono xeral a 45€ (+g.x) na páxina web, así como un cupo limitado de abonos para os menores de dezaseis anos .

A información sobre a acampada darase a coñecer proximamente a través das redes sociais e a web di festival, así como a venda das entradas por día.

 

Facebook