o Fisterra Blues celebrarase do 28 ao 30 de xuño e participarán, entre outros, Los DelTonos, Morgane Ji e Víctor Aneiros

Marzo 20, 2019

nota

O Fisterra Blues Experience regresa do 28 ao 30 de xuño nunha terceira edición na que presentamos desta volta tres dos protagonistas: a mítica banda cántabra Los DelTonos; o galego Víctor Aneiros; e a cantora da Illa de Reunión Morgane Ji.

Un adianto desta edición foi presentada esta mañá na lonxa de Fisterra, coa presenza de Javier Turnes, director artístico do festival; Kuka Sar, tenente de alcalde de Fisterra; José Marcote, alcalde de Fisterra; e Manuel Muíño, deputado da Deputación da Coruña.

Alén dos concertos, o festival volve apostar por unha interesante programación paralela con múltiples actividades, na que volveremos ter taller de baile, blues na escola, concertos en barco e máis actividades (tamén para nenos) que iremos desvelando ao longo das vindeiras semanas.

Los Deltonos é unha das bandas clásicas do rock peninsular que desta volta veñen cun novo disco inapelable de cancións máis que sólidas, macizas: ‘Fuego’ (2019). Fundados en 1986 en Muriedas, Cantabria, comezaron como trío pero xa desde 2003 se converteron nun cuarteto que ten publicado xa 14 discos. Definir a súa música é arriscado porque teñen innumerables influencias e matices, que foron evolucionando ao longo do tempo. Nos seus comezos foron considerados un grupo de rhythm and blues, pero foron incorporando sons próximo ao funk ou o power pop e dirixíndose cara un xénero coñecido como Americana, pero mantendo sempre un son propio e característico.

Víctor Aneiros pertence a esa raza de músicos que ao longo de varias décadas combinou sabiamente o sentimento blues coa enerxía rock alternando o galego, a súa lingua natal, o inglés e o castelán ao longo de oito discos, percorrendo practicamente todos os festivais tanto nacionais como europeos e realizando centos de actuacións nunha carreira chea de coherencia, sen máis concesións que as ditadas pola súa propio virtuosísimo como guitarrista e compositor. Un artista pioneiro dentro do xénero que soubo achegar as súas raíces e a beleza da poesía galega ao mundo dos doce compases para acabar perfilándose como unha das propostas máis consolidadas a nivel estatal a través das súas propias composicións.

Morgane Ji é o exemplo perfecto da fusión de múltiples culturas musicais. Desde a súa illa de Reunión natal chega esta artista con temperamento volcánico, con raíces misteriosas, africanas, índias e asiáticas. En canto ao seu estilo musical e enfoque estético, ninguén a deu metido aínda en ningún caixón, aínda que ten influencias de rock-pop, world music eelectrónica que combina á perfección cunha voz única: versátil, áspera, suave, animal. A raíña criolla, como a chama a prensa británica, parece posuír a clave dunha dimensión oculta que conecta o misticismo antigo coa tecnoloxía moderna. A súa forma de tocar o banjo é mística e guerreira. E o seu último álbum, “Woman Soldier”, encarna o espírito de loita dunha artista extremadamente independente e que rende homenaxe ás moitas batallas nas que participan as mulleres do mundo todos os días.

A terceira edición deste Fisterra Blues Experience está organizada polo Concello de Fisterra, coa colaboración da Deputación da Coruña.

AXENDA

Facebook

17 hours ago

Ábrete de orellas
DULZARO e Mondra xúntanse en "Un labradorito" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook