O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 amplía as actividades paralelas con exposicións, charlas e paseos guiados pola illa de San Simón

Xullo 15, 2022

nota:

O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 avanza novidades da súa programación mais sen desvelar un dos mellores secretos gardados do verán: o seu cartel, que o público só coñece ao desembarcar na illa de San Simón. O evento, un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, celebrarase na fin de semana do 22 ao 24 de xullo na illa redondelá.

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia contará cunha chea de actividades para o público asistente. Ademais das anunciadas iniciativas en pedal surf, os microconcertos de Santo Antón ou os obradoiros familiares de reciclaxe, durante o festival poderanse visitar dúas exposicións, nomeadas ’A escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’ e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, que contarán con visitas guiadas e parladoiros. Por último, celebraranse paseos pola illa co artista Xosé Lois Gutiérrez Faílde e con Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes.

Exposicións

O público terá a ocasión de visitar, durante a súa estancia en San Simón, dúas exposicións na cafetería da illa. A primeira delas é ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, que recolle o proxecto pioneiro e de divulgación sobre o rexistro sonoro da música posto en marcha por Sinsalaudio e que estivo vixente entre os anos 2008 e 2014. A exhibición percorre a historia do rexistro sonoro do suco de gravación a través de máis de cincuenta obxectos, agrupados en vinte ideas ou conceptos, da colección de Sinsalaudio. Na súa meirande parte son reprodutores e soportes de diferentes épocas e países, pero todos eles teñen no suco mecánico o principio físico común. A mostra estará aberta permanentemente ao público, mais todos os días do festival, de 18.30 a 19.00 horas, o comisario e co-director do festival, Julio Gómez, fará unha visita guiada. Para participar nesta actividade, recoméndase facer inscrición previa a través do email info@sinsalaudio.org co asunto “Visita guiada A Escola Sinsal”

A outra exhibición que terá lugar no mesmo recinto é ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical. A mostra parte dunha premisa: a chegada da electricidade cambiou tanto a composición como o son da música popular e clásica. A través de sintetizadores, caixas de ritmos, samplers ou efectos que marcaron diferentes etapas e estilos musicais -desde o Theremon até o Autotune-, dando ademais pé á creación de conflitos interexeracionais, expoñerase como o acceso a esta tecnoloxía permitiu que, dun xeito máis independiente ou mesmo accesible, numerosas artistas -sen posibilidade económica ou formación suficiente- tivesen capacidade para compoñer e crear novos estilos musicais.

Ao fío, o sábado 23 de xullo, entre as 19.00 e as 20.00 horas, celebrarase un encontro con Mateo Mena. O artista realizará unha introdución aos diferentes procesos de construción de instrumentos musicais electrónicos a través de deseños propios, nos cales combina técnicas e recursos dos campos da ciencia, a arte ou a artesanía, ilustrando a súa particular visión da “luthería electrónica”. Durante a charla poderán escoitarse algúns destes instrumentos. Para poder asistir ao parladoiro, recoméndase realizar previamente a inscrición a través do email info@sinsalaudio.org co asunto ‘Encontro con Mateo Mena’.

Ao día seguinte, o domingo 24 de xullo, no mesmo horario, haberá unha demostración práctica do Theremin con Paulo Pascual. O músico vigués amosará o funcionamento deste instrumento e as súas técnicas para xerar sons ou interpretar melodías. Para asistir á sesión, na que as e os participantes poderán experimentar e descubrir os seus segredos, é necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico info@sinsalaudio.org co asunto ‘Theremin con Paulo Pascual’.

En todos os casos a praza deberase confirmar ao desembarcar na illa, no punto de Administración de San Simón, para garantir a asistencia.

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
mañá sábado 20 en Redondela, concurso de maquetas de Asociación do Festival Millo VerdeEn colaboración con ArteLixo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook