nota:
O Festival Maré, que terá lugar en Compostela do 20 ao 24 de setembro, terá como peche a actuación da espectacular banda de salsa cubana Havana D´Primera. O grupo, un dos máis recoñecidos da escena cubana actual actuará na Sala Capitol o domingo 24 de setembro.
Havana D´Primera é unha gran banda formada por 16 músicos de primeira liña do panorama musical cubano. O seu líder, o carismático Alexander Abreu, posúe dunha voz melódica sofisticada e unha gran presenza escénica. Nacido en 1976 nunha familia musical da provincia de Cienfuegos, Abreu era xa con dez anos un virtuoso da trompeta e con vinte un músico recoñecido en Cuba.
Alexandre Abreu é o compositor e o director musical do grupo, ao que guiou por unha vía de timba cubana onde fusiona ritmos de salsa, jazz e funk partindo das raíces da música afrocubana e do son.
Desde o 2007 no que saíu o seu primeiro disco, Havana D´Primera non deixaron de medrar, ata converterse nunha das sensacións da música cubana da última década. Teñen unha discografía con cinco traballos, o último dos cales, “Será que se acabó”, estivo nomeado aos Grammy Latinos.
No peche do festival Maré, dentro da xira europea da banda, soarán temas deste disco de madurez musical e seguramente tamén algún tema do se seguinte traballo “Pueblo Grifo”, do cal Abreu avanzou xa algún tema, como o vibrante “CUB-PR”, gravado coa lenda da salsa de Porto Rico, Gilberto Santa Rosa.
Temas como “Pasaporte”, “Se te olvido quién soy” ou “El que esté que tumbe” convertéronse en grandes éxitos nos últimos anos, e a carreira de Abreu foi medrando á par que comezou a rexistrar gravacións con referentes da escena musical como Chucho Valdés ou Chick Corea, ou estrelas do pop coma o cantautor canadense Ron Sexsmith ou o británico James Morrison. O aclamado cineasta serbio Emir Kusturica proxectou internacionalmente a Alexander Abreu e Havana D´Primera cando o recrutou como actor e músico para o seu filme “7 días na Habana” en 2012. Ao ano seguinte, as estrelas da
música Beyoncé e Jay Z quixeron tamén escoitalo tocar na viaxe que fixeron A Habana. Pouco a pouco chegoulle un recoñecemento internacional.
Ademais de varios premios Cubadisco, os premios da música cubana, e da nomeamento aos Grammy Latinos, en 2018, o seu disco “Cantar del pueblo”, foi considerado polo xornal francés Le Monde como un dos imprescindibles da música latina.
Oferta abono Festival Maré.
As entradas individuais para a actuación de Alexander Abreu e Havana D´Primera o domingo, 24 de setembro na Sala Capitol, xa se poden adquirir por 25 euros máis gastos de xestión na plataforma enterticket.com.
Maré, o festival de música e artes atlánticas, ofrecerá do 20 ao 24 de setembro mais de vinte actuacións musicais, actividades, coloquios e encontros profesionais en varios espazos de Santiago de Compostela. Ata o 31 de xullo haberá un abono con prazas limitadas, a un prezo reducido de 50 euros para asistir a todos os concertos e actuacións.