o Festival Jazz de Ría presenta un coidado cartel en espazos singulares de Ferrol e Mugardos

Xuño 29, 2018

nota:

Este mediodía, a bordo da lancha que fai o traxecto Ferrol-Mugardos, e que se encargará de trasladar ao público do festival, as persoas responsables de Cultura dos concellos de Ferrol e Mugardos presentaron os contidos do programa, os escenarios e a filosofía dunha cita de jazz que se consolida como referencia de este estilo de música e da xestión de eventos sostibles.
O concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, e a súa homónina no Concello de Mugardos, Lola González, presentaron este mediodía a segunda edición do Festival Jazz de Ría a bordo da lancha que cubre o traxecto entre as dúas localidades e que é unha das protagonistas desta cita musical.

Basterrechea apuntou que “neste festival, ademais dos valores culturais do jazz, destaca o atractivo turístico e a colaboración institucional”. E engadiu que “é un evento único que merece ser conservado e que estamos seguros de que en pouco tempo quedará consolidado dentro do panorama de festivais galegos”.

Pola súa parte, Lola González celebrou “a recuperación do transporte marítimo que une ás dúas localidades” e a participación no programa do músico mugardés Simón García, que xunto ao baterista ferrolano Miguel Lamas son as dúas achegas da comarca ao cartel do festival.

Aitana Cuétara, directora do festival, destacou a calidade artística da programación “que mesmo supera á gran proposta musical que xa tivemos o ano pasado” e fixo un destacado do obradoiro para crianzas que se desenvolverá nos días previos e que servirá para formar novos públicos en Ferrol que axuden a garantir a continuidade do festival.

O Jazz de Ría naceu o verán pasado sen demasiadas pretensións e axiña se revelou como unha gran proposta capaz de engaiolar a calquera, non só pola súa programación artística, senón por todo o que o rodea e o converte nunha experiencia única para o público e un activo fundamental para revivir unha comarca tan maltratada coma a de Ferrol. Recuperar a lancha como medio de transporte e gozar dese paseo mariñeiro pola Ría de Ferrol a ritmo de jazz apetece ou apetece, pero se ademais o destino é un escenario ubicado nun entorno patrimonial, integrado co maior dos respectos e cunha proposta artística de tanta calidade nas marabillosas noites do mes de agosto, o que pide o corpo é deixarse envolver polo ambiente deste festival que afianza a súa andaina cun cartel que vai confirmando nomes importantes da escena do jazz que se achegarán a Ferrol e a Mugardos os días 17, 18 e 19 de agosto.

O festival aposta polo intercambio artístico, os espazos singulares, a reflexión de xénero e o valor do territorio
A proposta artística para esta edición 2018 pretende ter como protagonistas aos mellores músicos galegos de jazz, dando ao mesmo tempo ao público a oportunidade de descubrir bandas novas doutros territorios; fomentar tamén os encontros de músicos galegos con músicos doutros lugares onde o ensino e a cultura jazz están especialmente valoradas, como son por exemplo Estados Unidos, Cataluña ou Portugal. Serve así tamén o festival Jazz de Ría como ponte para exportar o noso jazz e importar novas ideas das que aprender.

A programación está deseñada para os espazos, lugares singulares conde non todas as propostas serían axeitadas, polo que a integración de cada concerto na súa localización é fundamental. A participación de todos os tipos de público tamén é unha parte importante da filosofía do festival. Todas as actividades son abertas e gratuítas.

Os espazos
As localizacións escollidas para o desenvolvemento do festival son tan importantes como a propia programación. A LANCHA que se empregou durante moitos anos como medio de transporte habitual entre Ferrol e Mugardos e que agora está só dispoñible durante o verán, máis como oferta turística que como servizo á veciñanza. Jazz de Ría quere reivindicar o uso tradicional da lancha, polo que será o medio de transporte oficial durante o festival, co reforzo do servizo e dos horarios, converténdose ademáis no escenario para unha das bandas. En terra, a gran incorporación deste ano é o CASTELO DE SAN FELIPE. Esta impresionante fortaleza militar do S.XVI perfectamente conservada e ubicada na entrada da ría, cun enorme valor histórico e patrimonial, será o escenario dun dos momentos musicais máis agardados do festival. O BALUARTE de Ferrol tamén acollerá a unha das bandas que terá que competir coas vistas privilexiadas do Peirao de Curuxeiras, punto de vixía militar no S. XVIII. O CANTÓN DE CORA, no final do paseo marítimo de Mugardos, cunha pérgola cuberta de buganvillas a escasos metros do mar é probablemente un dos escenarios con máis encanto; a PRAZA VELLA, punto central do barrio histórico de Ferrol, tiña que acoller necesariamente parte da programación; e os PORTOS, con todo o sabor da tradición mariñeira de Mugardos e a tradición naval e militar de Ferrol, tamén terán os seus momentos musicais, ademais de ofrecer unha excusa perfecta para pasear e descubrir a historia das dúas vilas.

Obradoiro Jazz para crianzas
Ademais da programación de concertos, o festival ten vontade de contribuír á formación jazzística das novas xeracións. Desde Asturias, a gran Mapi Quintana acompañada de Maite Heres, impartirán durante a semana previa ao festival (13-16 de agosto), un obradoiro de JAZZ E IMPROVISACIÓN PARA GRANDES VOCES PEQUENAS, dirixido a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, no espazo do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. O obxectivo do taller é introducir ás crianzas neste xénero para favorecer a súa integración como público presente e futuro do Jazz de Ría; adestralxs no ámbito da improvisación, parte fundamental do jazz; romper a tendencia dos roles de xénero na música (mulleres cantantes, homes instrumentistas); e contar coa voz como instrumento musical común a todas as realidades sociais. Ao remate desta residencia artística farase un concerto-mostra do aprendido que estará enmarcado na programación do festival Jazz de Ría. Será o xoves 16 de agosto, á tardiña, no BALUARTE, un lugar prixilexiado de Ferrol con vistas a toda a Ría. Nesta actuación, as nenas e os nenos participantes da residencia mostrarán o aprendido, formando parte da programación do festival, co mesmo protagonismo que as outras bandas de jazz. Rexistraranse en audio e vídeo, como contido de creación propia do festival.

Programa
VENRES 17
Pola tarde actuarán na lancha os galegos LOW BAY HOT BAND, un trío de tuba, clarinete e banjo que levará o seu dixie polos portos de Ferrol e Mugardos. E pola noite, no Cantón de Cora de Mugardos, o ferrolano MIGUEL LAMAS, considerado un dos mellores baterías do Estado, toca na actualidade con músicos de primeiro nivel en todo o mundo; neste caso farao co francés RAYNALD COLOM e o chileno JORGE VERA, un trío de luxo para abrir o festival.

O contrabaixista mugardés Simón García presenta Bassically, o seu novo proxecto orixinalmente concebido para ensamble de contrabaixos. Para esta ocasión, rodéase de grandes músicos do panorama jazz galego: Pablo Añón ao saxo, Iago Mouriño ao piano e Miguel Queixas á batería, que o acompañarán en composicións propias que van desde o swing ou o funk á jazz ballade ou a bossa nova.
SÁBADO 18
Ao mediodía na Praza Vella de Ferrol vai ter lugar un dos momentos máis divertidos do festival. O quinteto acústico de swing e dixie, MADRID HOT JAZZ BAND, vai poñer música ao obradoiro aberto de LINDY HOP que desenvolverá a escola SWING ON VIGO durante unha chispeante sesión vermú.

Esta nova promesa do jazz estadounidense presenta o seu álbum debut como líder, Left Right Left, unha viaxe inspirada no movemento social American Progressive. O seu carácter innovador e a súa traxectoria como acompañante dalgúns dos mellores músicos do panorama jazz actual, púxoa nun lugar destacado na crítica especializada, conseguindo que teña unha prometedora proxección internacional. Acompáñanna nesta xira europea os músicos madrileños Darío Guibert (contrabaixo) e Jorge Castañeda (piano).
Pola noite, tamén na Praza Vella chegará o jazz máis inesperado. PUERTA SUR, une o virtuosismo do vibrafonista galego Ton Risco, a batería de Dani Domínguez e de Joan Masana, músicos catalanes de proxectos tan relevantes como o de Jorge Pardo.
DOMINGO 19
Ao mediodía no Cantón de Cora de Mugardos, EVA FERNÁNDEZ, gran promesa do jazz catalán máis fresco, novísima cantante e saxofonista da escola de Joan Chamorro.

Pecharemos o festival no escenario privilexiado do Castelo de San Felipe, iluminado e cuidado para a ocasión, coa que é sen dúbida a cita máis especial do festival, a proposta de ABE RÁBADE TRÍO, un dos grandes referentes do jazz galego, que presentan un novo e moi agardado disco.

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
este sábado en Pontevedra⏱️ tictac, tictac...Volta o Galegote! A duodécima edición está a piques de ter lugar e a música en galego volta ós bares da cidade. Unha nova edición, esta vez máis internacional, que incorpora bandas portuguesas ó cartel. Anotade a data e vémonos nos bares! 🎶🍻🔀 Lembrade que o Galegote é un proxecto de música en directo que ten a finalidade de dar a coñecer a intérpretes e grupos de música en galego e que está promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Concello de Pontevedra#Galegote #galegoterock #galegoterock24 #concellodepontevedra #pontevedrate #servizonormalizaciónlingüística #festival #galego #boamusica #boambiente #musicaengalego ... See MoreSee Less
Ver en Facebook