O Festival Jazz de Ría confirma a programación da súa 3ª edición

Agosto 09, 2019

nota:

O jazz volve unir a Ferrol e Mugardos cunha programación de calidade en escenarios singulares. Do venres 16 ata o domingo 18, propostas galegas, estatais e internacionais do jazz actual encherán as dúas vilas con concertos en portos e prazas.

O Festival Jazz de Ría arrancará a próxima semana a súa terceira edición apostando unha vez máis pola fórmula que o identifica e que xa é o seu selo de identidade: unha programación artística de calidade que se integra co máximo respecto en escenarios ubicados en entornos patrimoniais de gran beleza. Os días 16, 17 e 18 de agosto, as vilas de Ferrol e Mugardos acollerán concertos de importantes nomes do jazz galego, estatal e internacional, co obxectivo de proporcionarlle ao público unha experiencia completa, na que a música vai da man dunha posta en valor do territorio a través da cultura, para contribuír a revitalizar a comarca de Ferrolterra.

En só dúas edicións (2017 e 2018), o festival ampliou notablemente o seu público e a súa repercusión mediática cunha proposta singular en canto a espazos e músicas que o posiciona neste momento como un dos mellores festivais de jazz do país, nomeado na categoría de Mellor Festival de Galicia na última edición dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA.
O festival aposta polo intercambio artístico, os espazos singulares e o valor do territorio, para convertir a comarca de Ferrolterra nun lugar de referencia cultural e turística

Os espazos
A programación está deseñada para os espazos, lugares singulares onde non todas as propostas serían axeitadas, polo que a integración de cada concerto na súa localización é fundamental. A participación de todos os tipos de público tamén é unha parte importante da filosofía do festival. Todos os concertos son abertos e gratuítos.

Na vila de Mugardos, o CANTÓN DE CORA, no final do paseo marítimo, cunha pérgola cuberta de buganvillas a escasos metros do mar volve ser un dos escenarios con máis encanto; ao que este ano se suma o entorno natural do Campo do Río, no Seixo. En Ferrol, os concertos concentraranse na PRAZA VELLA, punto central do barrio histórico, un dos lugares con máis historia e máis identidade de Ferrol, a escasos metros do porto, coa súa arquitectura mariñeira, as súas galerías, as súas tabernas e os seus veciños e veciñas de sempre.

A programación
A proposta artística para esta edición 2019 vai ter como protagonistas as mellores propostas musicais galegas de jazz, dando ao mesmo tempo ao público a oportunidade de descubrir bandas novas doutros territorios; e fomentando os encontros de músicos galegos con músicos doutros lugares onde o ensino e a cultura jazz están especialmente valoradas, servindo tamén como ponte para exportar o noso jazz e importar novas ideas das que aprender.

O festival fará a súa apertura no Cantón de Cora de Mugardos o venres pola noite, coa proposta de MANUEL GUTIÉRREZ TRÍO pulsando as teclas da elegancia e da expresividade, e cun Gutiérrez que brilla neste trío con outra luz, máis lixeiro.

O sábado a mediodía, DAVID REGUEIRO TRÍO terán o privilexio de estrear o novo espazo que incopora o festival nesta edición, o entorno máxico do Campo do Río, no Seixo, onde este recoñecido guitarrista de swing y manouche desenvolverá xunto cos músicos que o acompañan unha proposta pensada para poñer ao público a bailar.

O sábado 17 a partir das 22:00 o festival acolle a CARLOS SARDUY AFROCUBAN JAZZ QUARTET, a proposta vibrante e innovadora do músico cubano Carlos Sarduy, un dos trompetistas de jazz latino con maior proxección internacional, que ten colaborado con grandes artistas como Chucho Valdés, Bebo Valdés, Steve Coleman, David Murray, Esperanza Spalding, Buika, Ainhoa Arteta, Mariza ou Ojos de Brujo, entre outros, chegando a gañar con eles tres Grammys.

O domingo 18 a Praza Vella de Ferrol mostrará o mellor jazz galego. Ao mediodía, XACOBE MARTÍNEZ ANTELO TRÍO, finalistas nos PREMIOS MARTÍN CÓDAX 2019 na categoría de Mellor Proxecto de Jazz, achegarán unha proposta de jazz galego de primeira liña, en liberdade e sen complexos, que xurde dende o corazón e o peito, e que non coñece límites nin fai concesións. Con esta formación Xacobe Martinez Antelo continúa na senda da tradición xenuinamente jazzística, esta vez acompañado de dous grandes: Xosé Miguélez no saxo tenor e Max Gómez na batería.

E pola noite, un peche excepcional para o festival: MARCOS TEIRA QUINTETO NÓs, Premio MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2019 na categoría de MELLOR PROXECTO DE MÚSICAS DO MUNDO. NÓs é unha proposta mestiza e persoal, e as músicas que o compoñen viaxan a través dunha nova e suxestiva paisaxe sonora que no directo, engaden a mestría do guitarrista Marcos Teira, a raza de Moisés Fernández no caixón, Alejandro Vargas no piano, Alfonso Calvo no contrabaixo e Isaías Salazar no baile.

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
Tarefas urxentes:👆Nomear unha Dirección Xeral conforme a lei🛑Frear desmantelamento e precariedade✊Recuperar a produción propia💪Reabrir ou fortalecer as delegacións para ter unha cobertura real de país👩‍💼Estatuto Profesional➡️Consello de Informativos#VenresNegro309CRTVG#DefendeAGalega ... See MoreSee Less
Ver en Facebook