O Feito a Man regresa do 1 ao 26 de agosto cunha 15ª edición con case 70 espectáculos

Xullo 30, 2018

nota:

Sesenta e sete espectáculos e 57 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Chega esta semana a décimo quinta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que terá lugar do 1 ao 26 de agosto.

O programa foi presentado esta mañá na Praza de Cervantes, coa presenza de Manu Rodriguez e Anxeles Porto por parte da organización; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o alcalde da cidade, Martiño Noriega, ademais da actuación do trío compostelán Handle with Swing.

Polo Feito a Man deste ano pasarán case 60 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega…

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

Bandas locais e internacionais

Nestes 26 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias.

Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, continuamos a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Som do Galpóm, The Show Bass, Alejandro Vargas Quinteto, Loiros, Soulwide, Talabarte, Nastasia Zürcher, Quarks, Os Barbitúricos, Habelas Hainas, Oîma, Mad Martin Trio ou The Fabulous Resaca Brothers.

Alén disto, tamén poderemos ver bandas internacionais como Napalma (Brasil), Senza, María Reis (Portugal), Pedro Luis Ferrer & Lena Ferrer (Cuba) e Harmonica Creams (Xapón).

App do festival
Por segundo ano consecutuvo o Feito a Man conta unha app móbil, tanto para móbiles Android como iOS, que se pode descargar de forma gratuíta.

Este festival, organizado pola asociación cultural Cidade Vella, está apoiado polo Concello de Santiago e pola Deputación da Coruña, ademais de patrocinado por Estrella Galicia.

AXENDA

Facebook