nota:
Case 50 espectáculos e máis de 35 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Comeza mañá a décimo sexta edición do Feito a Man Estrella Galicia, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que terá lugar do 1 ao 21 de agosto.
O programa foi presentado esta mañá na Praza da Quintana, coa presenza de Anxeles Porto por parte da organización; o responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, e o representante de Estrella Galicia, Guillermo Fernández.
Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional galega… E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré.
Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.
Bandas locais e internacionais
Nestes 21 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias.
Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, continuamos a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Putan Club, Vudú, Blanca Cendán e Suso Alonso, Leo Burke, Manuel Gutiérrez, Pilo Sierra, The Spoonfuls e moitos outros.
Alén disto, outro dos obxectivos do festival é a descuberta de novos talentos chegados de fóra. Así, tamén poderemos ver bandas internacionais como os xaponeses Harmonica Creams, o mozambicano Mohammed Yahya, os arxentinos Ecos e Sofía Viola, os colombianos-guineanos La Rueda, os mexicanos Lariferpol, o brasileiro Arthus Fochi, os suecos The Bongo Club ou a Clarence Bekker Band, desde Surinam.