O cuarto disco de SES, “Opoñerse á extinción”, estará na rúa o 2 de decembro

Novembro 08, 2016

nota:

Nunca se foi, pero xa volve SES, rebosante de enerxía cun novo disco baixo o brazo. Chámase “Opoñerse á extinción” e estará na rúa o 2 de decembro con once temas que arrecenden á cantora bergantiñana en cada acorde.

“Opoñerse á extinción” é o cuarto álbum dunha SES que sigue sendo pura forza, inconformismo e paixón. Nel segue a liña do seu inconfundible estilo que a levou a converterse na artista máis relevante do país nos últimos anos e nun auténtico fenómeno social que non deixa de medrar.

Ela mesma define así este seu cuarto disco: “O título “Opoñerse á extinción” é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor”.

Este novo traballo continúa na liña dos dous discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.

A SES compositora vai medrando e madurando, aínda que sigue a tratar os temas de sempre: o amor en todas as súas versións (inclúe unha canción dedicada á filla dunha das súas cantoras), sen esquecer un tema clave da súa personalidade como artista, a denuncia social.

Xira inminente e estrea na Coruña

O 2 de decembro o disco de SES estará en todas as tendas de discos e, a continuación, sairá á estrada para presentar o novo traballo por todo o país e máis alá. As primeiras datas confirmadas son: A Coruña o 29 de decembro no Teatro Rosalía (entradas xa á venda en https://www.ticketea.com/entradas-concierto-ses-oponerse-a-extincion-teatro-rosalia/) e Narón o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura.

A súa xira do anterior disco, ‘Tronzar os valos’, xa a levou por salas, auditorios e festivais de máis de 80 localidades de toda Europa.

E podedes ver un video co tema “A paz esquiva” aquí:

AXENDA

Facebook