nota:
O próximo xoves 12 de setembro ás 19:30h na Pza. da Quintana a actriz e titiriteira Larraitz Urruzola e a Banda de Música de Santiago de Compostela interpretarán o espectáculo “O Crebanoces”.
Producido por Santi Prego e interpretado por Larraitz Urruzola, o espectáculo está inspirado no concerto didáctico sobre o Crebanoces de Tchaikowsky
Sinopse:
Na noite de Nadal o padriño Drosselmeier regala aos seus sobriños, Clara e Fran, un crebanoces con forma de boneco. No mesmo día de Reis o boneco acaba rompendo os dentes. O padriño contarános a historia do boneco Crebanoces, un valente personaxe que loitou contra a Raíña dos ratos.
O Crebanoces é un espectáculo para títeres con técnica mixta (siluetas, bocóns, obxectos e outros).
No espectáculo utilizamos a música que creou Tchaikowsky inspirándose no conto de Hoffmann, e nesta ocasión interpretada pola Banda de música de Santiago de Compostela
Durante a execución da música hai pantomimas dos bonecos, e entre unha e outra parte musical hai escenas con partes faladas dos bonecos e narración cara ao público.
Está dirixido a público familiar, de maneira que o disfrute será maior na medida en que acudan os nenos/as cos seus pais/nais, cos seus irmáns máis vellos ou cos avós/as.
A actriz e titiriteira é Larraitz Urruzola Tolosa, ten máis de 20 anos de experiencia en espectáculos de títeres para público familiar e dende o 2008 está na compañía www.babaluva.com.
O produtor é Santi Prego, www.santiprego.com, actor de teatro, cine e televisión e profesor de Historia do Teatro na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A dirección corre a cargo de Santi Prego e Eduardo R. Cunha “Tatán”, titiriteiro do grupo Tanxarina www.tanxarina.com, unha das formacións máis prestixiosas e recoñecidas do teatro de títeres galego, tanto dentro como fora de Galicia.
Os bonecos protagonistas foron realizados por The root puppets, www.therootpuppets.com, empresa artesanal especializada na construcción de títeres para cine, teatro e televisión, que teñen entre outras realizacións as formigas Trancas e Barrancas do programa de televisión “El hormiguero”.