O Colo das Palavras. Umha grainha de semente

Decembro 09, 2019

Cando o escritor e mestre ferrolán Antón Cortizas soubo que ía ter unha neta, agromaron do seu maxín un feixe de poemas que daban para un libro. Ademais, tamén as súas tres fillas achegaron os seus versos e o pintor Leandro Lamas preparou unhas ilustracións que non podían ser mellor acaídas. Mais cumpría acompañar os poemas de músicas, así que comezaron ese labor de contactar artistas e presentarlles a idea a ver que pasaba. As respostas foron tamén positivas e, tras un proceso de micromecenado, agora ve a luz este libro-disco deseñado por Bruno L. Teixeiro e editado da man do proxecto educativo Semente, escola de ensino en galego.

Se pola causa, a presentación e unha ollada á nómina de participantes o libro xa merecería a nosa atención, faltaba ver se as cancións resultantes tamén contribuían a que esta fermosura crecese aínda máis. Tras abrir cun recitado do propio Cortizas, o CD presenta un conxunto de cancións que abre e pecha Óscar Fojo, pai da inspiradora, Entre as súas “Arrolo para Loaira” e “Minutos de agarimo” van desfilando con arte e xenerosidade Xurxo Souto e fillas (“A Melrinha”), Sofía Espinheira (“Sonhos”), Sílvia Fojo (“Hei-che”), Xoán Padín (“O teu nome”), Tanxugueiras (“Os primeiros passos”), Manolo Bacalhau (“Arrolo marinheiro”), Guadi Galego (“No mundo há un país”), Cé Orquestra Pantasma (A meninha e a lua”), Sara Vidal (Arrolo de dez”), Caxade (“O colo do avó”), Uxía (“Olhos”), Joao Afonso (“O pao do agarimo”) e a “Balança” do accidental Fatado do Colo (Leandro Lamas, Lorena Montero e Paula, Silvia e Óscar Fojo).

Algúns nomes serán máis coñecidos ca outros e cadaquén ten as súas debilidades ou preferencias, pero todas as voces cumpren, con xenerosidade e bo facer. Fan dos poemas cancións súas, sexa con instrumentacións mínimas ou con algo máis de acompañamento; e aquí merecerían tamén mención todos os músicos e técnicos nos créditos Conta o Sechu Sende no limiar que “A Semente é unha escola que sonhamos e o sonho converteu-se em realidade e cresce com o calor do povo, com cuidado, responsabilidade social, pensamento crítico e científico, compromiso colectivo e muito trabalinho.” Pois ademais de “compromiso” e “traballinho”, “O colo das palavras” é un anaco de arte que aloumiña con palabras e músicas.

Pepe Cunha, 10-decembro-2019

AXENDA