O ciclo Revenidas Xacobeo leva a Baiuca a Ribadeo, a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre a Celanova e a Treixadura a Lugo

Agosto 29, 2022

nota:

O festival Revenidas, que cada ano se celebra en Vilaxoán, expande a súa programación da man do Xacobeo 21-22, para afondar no seu afán de promoción da música e da lingua galega a través dun ciclo de concertos que levará distintas formas de entender a nosa música tradicional a vilas e cidades ubicadas máis alá do eixo atlántico que é onde se adoitan concentrar a maioría deste tipo de propostas.

O ciclo Revenidas – Xacobeo 21-22 congrega en tres localizacións diferentes a tres dos principais referentes da música tradicional galega, entendida e presentada desde postulados ben diferentes: Treixadura, banda de referencia da música tradicional que está a celebrar o seu 30 aniversario e que combina a mestura das formacións dos grupos de gaitas cos orfeóns de voces masculinas; Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, como representantes da renovación creativa e estética das nosas músicas de raíz; e Baiuca, como principal expoñente da translación da música tradicional á contemporaneidade a través da súa mestura coa electrónica.

O primeiro dos concertos deste ciclo Revenidas – Xacobeo 21-22 será o de Baiuca, que se celebrará en Ribadeo o venres 2 de setembro. O de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre terá Celanova por escenario o sábado 17 de setembro. O ciclo pecharase coa actuación de Treixadura en Lugo o domingo 23 de outubro. Os tres concertos serán de balde, con entrada libre ata completar o aforo.

O concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre terá ademais unha compoñente especial. O músico coruñés presentará un espectáculo único, que titulou O Camiño da Pedra, no que convida a artistas amigos a subirse ao escenario con eles para acompañalos nun concerto no que revisarán os temas máis significativos dos seus repertorios. Entre estes artistas figuran Margarida Mariño (Galicia), Daniel Pereira (Portugal), Carola Ortiz (Cataluña), Carlos Herrero e Héctor Castillejo, músicos do grupo El Naán (Castela e León), e Donald Shaw e Karen Matheson (Escocia).

AXENDA