Unha edición máis, e xa falamos da décima, o festival da lusofonía Cantos na Maré constatou a súa aceptación. Malia o lóxico incremento no prezo de entrada pola situación que padecemos, o cheo no Pazo da Cultura de Pontevedra deixou claro que son firmes os alicerces desta cita. No lingüístico, pola nosa pertenza e condición de berce dun galego-portugués espallado polo mundo. No artístico, pola convivencia e colaboración de artistas de diferentes culturas e latitudes. Só por isto, o Cantos será sempre diferente doutros festivais e cómpre vivilo algunha vez ou repetir. Coma un equipo con bos xogadores e acaído esquema de xogo, mesmo cando non ten o seu día máis brillante sae vencedor. Varios momentos das máis de dúas horas e media xustificaron que o público en pé corease agradecido un “parabéns para voçê” por esta décima edición.
A banda de luxo formada polo pianista e director musical Paulo Borges (Açores) con José Manuel Díaz (Cuba), Quiné (Portugal), Sérgio Tannus (Brasil) e a novidade da incorporación do guitarrista de Ruí Veloso Berg non brillou coma outros anos. Porén, si o fixeron as guitarras invitadas, que levaron as ovacións da noite, en especial a de Dani Black, o talentoso mozo “apadriñado” polo Chico César. e, como era de agardar, a do Ruí Veloso, o blues-roqueiro portugués por excelencia. Ademais, a invitada galega deste ano Sés vai moito por eses ritmos e o invitado sorpresa Narf tamén saiu guitarra en man. Así, probablemente este foi o Cantos máis pop-rock desta primeira década. E isto tendo en conta que o Chico César e Cheny Wa Gune achegaban o cariz máis tribal ou étnico.
Moitos apreciamos a oportunidade de escoitar noutros formatos e lecturas algunhas das cancións que máis nos agradan. E nesta edición non tardaron porque, tras a lóxica apertura co “Cantos na Maré”, Ses e Uxía interpretaron ese himno de rebeldía, carácter e compromiso que é “Tempestades de sal”, cun final ska (estilo talvez inédito no Cantos) que define a aposta galega de Uxía para a ocasión. Tan ben falan por Sés esa canción e a seguinte, o rocanrol-swing “Rolling Stone”, que a artista non necesitaba facer eses comentarios reivindicativos máis axeitados para concertos de seu. Algúns puideron resultar simpáticos pola súa naturalidade, outros careceron de elegancia ou gusto e algún era tan innecesario como o lingüístico no contexto dun Cantos na Maré. Rebordante de enerxía non sempre ben dosificada, cun debut discográfico ben recebido e xa moitos concertos de pequeno formato, Sés debe renunciar ao seu protagonismo, especialmente dialéctico, cando está ao carón de artistas de tanta experiencia e traxectoria. Deles debe, e seguro que o fai, aprender. Estivo mellor no seu repertorio que nas colaboracións cos demais invitados.
A presenza do mozambicano Cheny Wa Gune e a súa timbila era outro dos reclamos do festival, que sempre procura convidar artistas pouco habituas por estes lares. Tras interpretar, baile final incluído, “Chedzane” e a adictiva “Jindji jindji”, volveron Uxía e Sés para protagonizaren un momento de mestura tradicional Galiza-Mozambique que non callou en “Eu chorei”. Iso si, a rumba funcionou no que parecía unha fin de festa anticipada con Sés contaxiando entusiasmo ao público: “”para rumbear, timbila”.
Nese momento, a alma máter do proxecto interpretou dúas pezas do seu repertorio. Aproveitou a banda para versionarse nunha peza de cada un dos seus últimos discos, producidos polos presentes Paulo Borges (“Eterno navegar”) e Sérgio Tannus (“Meu Canto”). Respectivamente: “Rosa Namorada”, esa xoia construída dun poema de Manuel María e tamén retocada para a ocasión, e “A quimera”. Unhas interpretacións tan doces como nos ten acostumados e os momentos en que, xunto cos seus dúos con Veloso e César, máis cómoda estivo. Precisamante foi a este último a quen chamou ao palco, lembrando a súa condición de “xefe-talismán” daquela primeira edición na Praza da Ferrería.
Aínda semellando algo preguiceiro ou despistado, a presenza de Chico César xa é en si mesmo carisma, e máis se elixe tres ou catro pezas infalibles. Acompañouse só do contrabaixo e da timbila de Cheny Wa Gune para “Béradêro”. Deseguido, en “Mand”ela” contou con Uxía, Sés e Cheny (e o público) nos coros. Tras ese baile, un deses momentos agardado en todos os Cantos, un dúo, neste caso con Uxía, en “Pensar em voçê”. Unha fermosura previa outro detalle do Cantos: descubrir un artista. Chico presentou ao seu apadriñado Dani Black e xuntos agasallaron cunha memorable “A primeira vista”. Por se non chegaba, o Black quedou só e gañou ao público nun tema propio só a voz e guitarra (“Linha tênue”). Sen deixar de amosar moita clase e bo gusto nas cordas e a voz chamou a un invitado sorpresa co que xorde química e que é puro espíritu do festival: Narf. A fermosa conxunción de guitarras acústica e eléctrica da “Zemanbiquo” do galego foi outro deses momentos para gardar e, con razón, ovacionados. Daquela, só unha tamén imprescindible “Mamá África” podía manter o nivel, como así foi coas galegas e Cheny outra vez nos coros.
Nesas alturas do festival só faltaba outro dos pratos fortes: o primeiro concerto na Galiza do Ruí Veloso, nome imprescindible do blues-rock portugués nos últimos 30 anos. Por estilo, tan estadounidense, talvez era unha presenza pouco habitual no Cantos, máis afeito a un toque folklórico ou étnico, pero como artista de peso en Portugal tiña que pasar algún día por aquí. Como cumpría, repasou impecable un par de pezas propias en solitario, “Porto sentido” e “Chico Fininho”, e tres ao estilo Cantos. A primeira, “Os velhos do jardim” memorable blues lento acompañado dun Dani Black inmenso noutro duelo de guitarras para enmarcar e ovacionado varias veces durante a canción. De seguido, “Má Fortuna” nun dúo ben sentido con Uxía e o piano de Borges. En “Sayago Blues”, blues clásico sobre o Río Douro, contou cunha Sés excesiva na voz do coro. Para o final e tras “a súa peza máis “mestiza”, o “Fado Pessoano” que acompañaron tod@s @s compañeir@s, incluída a angolana Aline Frazao, sorpresa na anterior edición.
Previo ao final colectivo con “Cantos na Maré”, Sés alongou o momento de comuñón co público guitarra en man e recuperando o “Canto na Habana” que fixera coa súa ex-banda Chámalle Xis. Entón, dímonos de conta de que pasara máis tempo do que nos parecera, o que fala ben do ritmo do festival. Se cadra, non foi a mellor edición en conxunto, pero a valoración segue a ser positiva ao non desapareceren eses rasgos únicos e valiosos: as colaboracións e as relecturas das cancións, os descubrimentos como Dani Black e Berg (guitarrista de Ruí Veloso) e algún debut na Galiza. En cantos eventos atopamos esta mestura de traballo, agarimo e ilusión, esa ilusofonía que defende o Chico César ? Por xustiza e por necesidade de momentos así, temos que desexar e seguir apoiando máis edicións do Cantos na Maré !
Pepe Cunha, 14-xaneiro-2013