O Cadelo Lunático “Pantasmas das rúas”

Setembro 09, 2022

Tivemos que agardar sete anos para a continuación do álbum “Malos tempos”, aquí comentado, e que significaba o debut do proxecto liderado polo guitarrista e vocalista Javier Prado. Cheguei a pensar que a banda desaparecera e, tras escoitar este regreso, constato que polo menos podemos falar dunha resurrección. Daquel disco austero, con Prado en plan “Juan Palomo”, pasamos a unha gravación con brillo e que soa a banda, consecuencia da incorporación e implicación de tres novos membros: Pedro de Gregorio nos teclados, Jorge Arenaz no baixo e Nico Rodríguez na batería.

Proba disto está na repertorio pois, aínda que Prado segue a ser o principal autor das cancións -en colaboración nas letras con Cristina Corral Soilán-, de Gregorio achega tres músicas e Rodríguez unha. Ademais, o cuarteto decidiu gravar ao vivo no estudio para así reflectir a autenticidade e inmediatez do seu blues clásico con tinturas de estilos achegados como o soul, rhythm and blues, balada … En decembro de 2021 gravaron en Garaxeland (Compostela) “Blues sen fin” e “Cargarás coa túa cruz” (coa boa harmónica de Figui “Lakazán”), mentres que a maioría do disco foi traballado nos Guitar Town de Hendrik Röver (Los DelTonos), que produciu, mesturou, masterizou e puxo o primeiro solo de guitarra de “Home común”.

O resultado final é un álbum clásico, de 10 cancións e 40 minutos, no que volven musicar versos de Celso Emilio Ferreiro (“Pasmón”) e sorprendentemente abren cunha versión do “Hanging on a Wire” de Julián Maeso, adaptada como “Colgado nun arame”. Tanto esta peza inicial como o resto do disco caen en tópicos (“deixo a pel en cada show”, “busquei na música unha saída” … ), pero en xeral as letras caen máis do lado convincente que do previsíbel. Non é doado fuxir ou anovar cando falamos de estilos tan marcados, pero “o novo” Cadelo Lunático sae máis que airoso, con momentos tan notábeis como “Perseguidor”, “Fun alí”, “Blues sin fin” … e, en consonancia, o digipack de cartón coas ilustracións de Raúl Maya.

Pepe Cunha, 9-setembro-22