A banda Moondogs Blues Party titulou o seu primeiro disco “O Cadelo Lunático” en 2007. O seu fundador, vocalista e guitarra Javier Prado recolle ese nome para bautizar agora o seu proxecto paralelo, no que practica un blues máis primitivo, básico, en contraposición ao folk-rock-blues potente da súa banda. A outra diferencia é que incide máis explicitamente en falar das problemáticas sociais que nos arrodean e o fai en galego.
Coma proba dun proxecto máis íntimo e persoal, Prado encárgase na maior parte das voces e instrumentos. Non obstante, engade un plus de distinción nalgúns temas con colaboracións como a harmónica de Rafael Poncela ou o baixo de Hugo Ramos. O disco en conxunto resulta convincente, salientando o tema que o titula, a versión do mítico “Roll and Tumble Blues” coma “Roubando e mentindo”, a adaptación da letra popular en “Cona” ou tres poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro: “Mentres imos andando”, “Non” e “Longa noite de pedra”. Nesta última conta coa voz de Belém Tajes tamén protagonista vocal noutro poema musicado: “Todo” de Cristina Corral Soilán.
“Malos tempos” é unha mostra dignísima e nada pretenciosa dun blues directo, de raíz e honesto, comprometido coa poesía e as xentes do común.
Javier Prado semella telo claro: “non perder as formas nin os gustos polo que un día se chegou a considerar importante: a cultura, a vida e o espíritu humano”.
Pepe Cunha, 21-abril-2016