O Cable Inglés presenta a serie documental sobre arte urbana “Museo a ceo aberto” co apoio da Xunta

Marzo 02, 2022

nota:

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte na presentación da serie documental ‘Museo a ceo aberto’ realizada pola cooperativa cultural O Cable Inglés ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. O secretario xeral estivo acompañado pola guionista e directora da serie, Marián Fernández; e a directora executiva da cooperativa, Cristina R. Labandeira,

A serie, estruturada en sete capítulos dunha duración aproximada de 20 minutos, mapea as principais mostras arte urbana de Galicia, onde nos últimos anos foron xurdindo artistas, iniciativas e eventos que conseguiron xerar auténticas transformacións na paisaxe -moitas veces degradada- das nosas vilas, barrios e cidades.

Neste momento, o noso país conta con numerosos exemplos de espazos urbanos rexenerados da man de grandes artistas recoñecidos internacionalmente, que conseguen paliar o feísmo, atraer o turismo e ofrecer á cidadanía museos ao aire libre, abertos as 24 horas do día e de acceso totalmente gratuíto. Obras como unha intervención no barrio ferrolán de Canido atribuída ao mesmísimo Bansky; o mural de Aryz, un dos 10 artistas urbanos máis valorados a nivel mundial, deixou en Carballo; ou o Xulio César do lucense Diego As que se ergue impoñente á beira da muralla romana de Lugo, e que foi recoñecido este mesmo ano por Street Art Cities como o mellor mural urbano do mundo.

A través de conversas con artistas, comisariados e colectivos de creación, Museo a Ceo Aberto, percorre as citas referenciais da arte urbana en Galicia e reflexiona sobre o seu valor patrimonial, urbanístico, social e artístico.

Entre outros, a serie aborda temas como o impacto real que teñen estes eventos na rexeneración urbana e a transformación social dos lugares onde se intervén; desenvolve un debate acerca da necesidade de contextualizar as obras ao tempo que se respecta a liberdade artística; reivindica a participación de mulleres artistas nos programas dos festivais, fala do trato e a remuneración a artistas; e reflexiona sobre o valor patrimonial dalgunhas obras, como contrapunto á efemeridade deste tipo de arte.

O DesOrdes Creativas, en Ordes; As Meninas de Canido, en Ferrol; o Rexenera Fest, en Carballo; Cidade de cor e a potente escena underground de Vigo; o Cromático Mural Fest, en Cambre; o Delas Fest, na comarca de Santiago; e o Urban Cores e o Culturban, en Lugo; son as sete paradas desta serie documental que conta co guión e a dirección de Marián Fernández, socia fundadora do Cable Inglés; a realización técnica da cooperativa audiovisual Metrópolis; a música orixinal de 2PASØS; e tamén músicas cedidas por artistas galegas como Tanxugueiras, High Paw, Bala, Thomas Dylan, a Rebeliom do Inframundo, Todo el largo verano, Los Bonitos del Norte e Dios Ke te Crew.

Dirixida e guionizada por Marián Fernández, a serie retrata en sete capítulos o boom que vive a arte urbana en Galicia e está dispoñible na web e na canle de YouTube do Cable Inglés; e tamén no Portal da Lingua Galega.

AXENDA