o brillo da escuridade con Mark Lanegan no Teatro Rosalía de Castro. 28-maio-2016

Maio 30, 2016

A denominación de “Unha noite con Mark Lanegan” debería ampliarse con “… e compañía”, pois dous dos 3 músicos que o acompañan nesta xira tiveron uns 20-25 minutos para cadansúa actuación. Tratouse case dun mini-festival de country-blues alternativo nun dos mellores escenarios posibeis para esta proposta. Semellaba que estabamos congregados nunha cova, tal era o ambiente creado pola disposición do teatro Rosalía de Castro, unha iluminación mínima e as guitarras e voz acompañadas de ecos, delays e/ou reverbs. E máis aínda se sumamos a intepretación vocal profunda e característica do ex dos Screaming Trees. As actuacións, cos seus descansos incluídos, de Lyenn (algo máis romántico ao xeito dun Jeff Buckley) e Duke Garwood (se cadra demasiado sellemante ao agardado Lanegan), atrasaron máis dunha hora o recital verdaderamente agardado.

Tras o seu período grunge, Lanegan construiu unha carreira en solitario (e con dúos) realmente interesante a base dun folk-blues melancólico, romanticamente escuro. Concretamente nesta xira prescinde de batería e de tocar el nin a guitarra, interpretando cancións máis lentas, relaxadas ou contidas que en anteriores visitas. En pouco máis dunha hora na que se mantivo case ríxido, sempre en pé e agarrado ao micrófono, Lanegan acompañouse ás veces só dunha guitarra solista e case sempre eléctrica (Jeff Fielder estivo simplemente FANTÁSTICO) e nunha maior parte tamén doutra guitarra (Garwood) e un baixo (Lyenn), Convenceron nunha actuación que para quen somos menos acólitos da súa traxectoria podería amenazar con lindar coa linealidade ou a monotonía se se limitaba a celebrar simplemente a emoción que provoca a súa interpretación vocal. Porén, os músicos puxeron os detalles axeitados para vestir unhas cancións recollidas, lentas e interpretar un repertorio ben equilibrado. Neste non viñan presentar un disco recente senón a ollar cara atrás e recuperar cancións de case todos os seus álbumes, un par de recordos á banda que o deu a coñecer (celebradísimas pol@s máis fans) e un bo feixe de versións levadas con acerto ao seu estilo vocal.

A velada comezaba longa polas actuacións previas e descansos, pero a partir da saída de Lanegan tornouse intensa, nunha comuñón con momentos hipnóticos entre escenario e butacas. As cancións caían unha tras outra coa pausa xusta para recibir moitos aplausos e algunha que outra ovación especial: “Holy Ground” (Napalm Beach), “I”ll Take Care of You” (Brook Benton), “You Only Live Twice” (Nancy Sinatra), “Deepest Shade” (Twilight Singers), “I Am the Wolf”, “Bombed”, “The Gravedigger”s Song” … Un éxito tamén na asistencia, os seus tres cuartos, e máis se pensamos en que coincidía co fútbol omnipresente e no seu punto máis álxido: a final da Champions. A este ciclo Imprescindibles da Concellería de Culturas da Coruña chegan agora en xuño outras dúas propostas tan atractivas e celebrabeis que si gozan de maior tirón mediático: no Pazo da Ópera, Silvia Pérez Cruz o sábado 11 e Wilco o mércores 29.

repertorio:

When Your Number Isn”t Up
One Way Street
Creeping Coastline of Lights
Mirrored
The Gravedigger”s Song
Holy Ground
I”ll Take Care of You
Where the Twain Shall Meet
Torn Red Heart
Judgement Time
Low
One Hundred Days
Deepest Shade
You Only Live Twice
On Jesus” Program

Bises:

Driver
Mescalito
I Am the Wolf
Bombed
Halo of Ashes

Pepe Cunha, 1-xuño-2016

fotos do facebook da Concellaría:

Facebook