o bluff do Music Way, venres 28-setembro-2012

Outubro 01, 2012

Nestes tempos de estafa, resulta recorrente falarmos de que os cartos non son todo, que contar co diñeiro suficiente non garante o éxito ou o acerto. Mais o noso paso polo festival Music Way e as conversacións con outros asistentes obríganos a insistir no tema. Así como falamos de “burbulla inmobiliaria” tamén podemos falar de “burbulla festivaleira”. O pasado ano agromou de ningures un festival potentísimo, da man dunha produtora sen experiencia no musical. Argallouse en pouco tempo, no Monte do Gozo e apoiado non só por unha inusual cantidade de patrocinadores, senón tamén co apoio institucional. Chamábase Rock in Way e non saiu ben, pero este ano repetiuse, algo camuflado nun cambio de nome e localización.

Aínda que non contaba co tirón de nomes do seu predecesor (The Specials, Bad Manners, The Offspring, The Charlatans …), o Music Way si presentaba no cartel os Manic Street Preachers e The Hives coma notables cabezas de cartel pero, polo que vimos na xornada do venres, a organización non estaba á altura. Prefeririamos falarmos máis do aspecto musical, pero o recinto feiral do Amio resultou un atentado contra os ouvidos. Asemade, poñer os We Are Standard tan cedo como as 20:25h e a DJ Crebinsky entre os Manic Street Preachers e Nasty Mondays indica abondo despiste. Aí é cando lembramos as non poucas produtoras galegas e festivais que tiran maior proveito sen necesidade de tantos cartos. Cara ao público, o do ano pasado puido ser un accidente froito da inexperiencia, mais o gremio probablemente cualificaría de inaceptable o maluso de para tanto diñeiro investido.

Desde o principio sabiamos que se regalaran miles de entradas para asegurar unha mínima resposta de público e que se volvía traballar con LastTour International, unha empresa que é seguro para a punctualidade, backline, técnicos, etc. Mais no debe do resto da organización, é dicir, a empresa ZircoZine, é onde agroman os fallos. Por citar uns poucos, só existía a posibildade de mercar un bono, aínda que só custase 20 euros, e non adquirir entradas para un só día. Ao chegar a un recinto moi pouco acolledor atopámonos xusto detrás da mesa de son cunha instalación para os skaters que facía un notable ruído mentres tocaban os grupos, Os escasos baños, postos de venda de tiquets e casetas con comida non se correspondían co que se despregaba nun recinto para miles de persoas. Ademais, non había onde tomar un descanso, agás uns poucos pufs á intemperie. Das outras abondas queixas contra a organización que choveron a eito no facebook do festival non qudou pegada porque este foi borrado. Un detalle que se cualifica por si mesmo.

No estrictamente musical, cómpre salientar os voluntariosos Holywater presentando novos temas e brillando cos extraídos de “The Path to Follow”. A proposta dos We Are Standard non enganchou como o faría en horas máis avanzadas da noite e The Courteneers quedaron coma un grupo pop británico do montón, correctos tirando a aburridos. Como o mellor da xornada de venres, uns Manics que xustificaron reclamo e espera. Os galeses en formación de quinteto repasaron cancións da súa longa traxectoria ofrecendo un concerto variado e sen altibaixos grazas a un boa feixe de himnos. Desde o inicial “Motorcycle Emptiness” até o agardado peche con “If You Tolerate This, Your Children Will Be Next” convenceron a base de cancións tan efectivas coma “Your Love Alone”, “A Design For Life”, “You Stole The Sun From My Heart”, “It’s Not War, Just The End of Love” ou “You Love Us”

Non pintaba mellor panorama para o sábado, así que a opción máis recomendable era achegarse á Sala Capitol atraído polo bo criterio do Outono Rock Festival.

Por favor, coidemos os festivais, na súa oferta, gusto, honestidade e tratramento respectuoso do público. Deixemos de despilfarrar cartos públicos ( a Cidade da Cultura aparecía na web, agora “recurtada”) sen transparencia nin mesura e encarguemos o traballo a produtoras do país con experiencia demostrada. En moitas ocasións, son a iniciación do público menos habitual aos concertos ao vivo, ese que debe axudar a manter as programacións de salas.

Pepe Cunha, 30-setembro-2012

AXENDA

Facebook