foto de Miguel Estima
Dende o principio recoñezo que o artigo final de 2023 vai ser totalmente subxectivo; tamén algo longo, cousa que sei que non gusta a un público máis novo, afeito a esas pílulas nas redes virtuais que reclaman atención por un minuto escaso. Este ano reafirmeime en atender o público que le unha crónica ou recensión, ese que agarda algún descubrimento e outros comentarios que “temazo”, “mola”, “o mellor ou top de”, “as cancións imprescindíbeis de …” etc etc. Porén, alégrome moito -e aquí comezo repasar cousas boas do ano que marcha- do incremento en público e opinadores-divulgadores-influencers da música galega. Benvidas todas! Non sobra ninguén, todas sumamos e aprendemos.
Do bum que vivimos, do momento tan vizoso do galego na música, é especialmente responsábel o fenómeno Tanxugueiras, protagonistas ademais do fito de 2023 e da nosa música: encher o maior recinto de pago do noroeste peninsular hai unhas semanas. Elas canalizaron unha tradición autóctona de artistas que non deixan de reivindicar e chegaron a un público masivo sendo mozas do seu tempo. Non cansarei de unir estes dous conceptos chave para entender o seu éxito e a repercusión: creceu a atención á música con toque da raíz (sumemos Baiuca aquí) e dúas propostas novas e nunha onda similar como Fillas de Cassandra e Mondra encheron este ano a Sala Capitol ao presentaren cadanseu disco de debut. Feito impensábel para a música en galego hai uns anos e só ao alcance duns Dios Ke Te Crew (que tremenda celebración a dos seus 20 anos!!! ) ou Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, outra das propostas que triunfan aló onde van.
Perdón por dicir algo obvio, pero estas liñas non van do mellor do ano, basicamente porque nin me comunican ou envían todo o que se publica e porque nin me invitan nin fun a todo. Se cadra ás veces é mellor que así sexa, para poder descansar de eventos ou propostas musicais que non me chaman moito ou que xa teñen atención, apoio ou público abondo. Ábrete de Orellas é un medio independente e non dá cartiños; ao contrario, así que grazas a quen neste 2023 me invitastes a poñer música (o MUMI e o concerto de Fillas de Cassandra na Sala Capitol), a ser xurado (Premios Martín Códax), a colaborar en charlas (FIV), a opinar (El Ideal Gallego, Faro de Vigo, Praza) ou patrocinastes a web (Dinahosting). As máis de dúas décadas deste proxecto hai tempo que deron para dicir non a traballos sen compensación e tamén a que haxa artistas que digan a si á túa chamada malia a precariedade económica. Isto aconteceu coa celebración dos 500 programas da etapa radiofónica actual de Ábrete de Orellas. Coa axuda no patrocinio de Deleite (grazas !!!), Su Garrido Pombo, Grampoder e Berlai regaláronnos ás asistentes ao evento uns concertos realmente entre notábeis e sobresaíntes, ademais de variados en estilos, como gosto de reivindicar desde o nome deste proxecto.
De igual xeito o panorama de músicas do país consolidouse como ben interesante, variado e complementario, con especial querencia polas propostas que mesturan tradicional con sonoridades máis contemporáneas. Non obstante, boa parte dos medios e a maioría dos festivais subvencionados seguen a ignorar a nosa notábel produción e compórtanse case coma unha colonia, considerando mellor e contratando máis as artistas de fóra e non apoiando e presentando como merece a nosa produción. Mais permitídeme que desta vez non fale de amiguismos, oportunistas e festivais sen máis sentido que vender tickets e chuchar subvencións. Desta vez centrareime nos “meus” discos e concertos deste 2023.
Houbo algunhas propostas, lideradas polo interesante “II” de Grande Amore e o seu responsábel Nuno como fenómeno social, que tamén tiveron certa repercusión fóra, en boa parte grazas a un bo traballo de comunicación e o apoio de varios medios. Iso si, tamén se falou alén do Telón de Grelos doutros discos máis previsíbeis e feitos cunha orientación claramente festivaleira que non me dan moito que analizar realmente, mais imos coa miña escolma, tanto de discos (subliño os comentados na web) como de concertos que me encantaron, emocionaron ou espertaron interese. Quedan fóra a maioría, claro, e de seguro aparecerán noutras listas que aínda non quixen mirar. Cadaquén cos seus gustos, debilidades e padriños, como debe ser, que así nos complementamos e sumamos.
DISCOS:
Caamaño & Ameixeiras “Quitar o aire”
Caldo “Lugar A Ponte”
Fillas de Cassandra “Acrópole”
Mondra “Ardén”
Ruxe Ruxe “Unha noite no interior dunha faísca”
Ataque Escampe “Cabalgata”
Rebeliom do Inframundo “Amor e barbarie”
E non quero deixar de mencionar tamén outros traballos en galego: Zavala, Chicharrón, Budiño, Grande Amore, Terbutalina, Lontreira, Xackal, Carabela, Martelo , 100 Voltas… e os instrumentais de David Regueiro Trio ft. Alexandre Cavaliere “Perfect Match!” , Músculo , Fernando Barroso … , así como o vinilo de celebración dos 20 anos de Silvia Penide.
CONCERTOS:
Tanxugueiras “O derradeiro diluvio” no Coliseum
Sumrrá nAfundación da Coruña, ciclo Butaca de Jazz
Dios Ke Te Crew “Tremendos vinte anos” na Sala Capitol
Xosé Miguélez Trío feat. Jean-Michel Pil no Jazz de Ría, Cedeira
Leilía “Anque me vou non me vou” no Teatro Jofre
Fillas de Cassandra na Sala Capitol
Caamaño & Ameixeiras na Sala Capitol
Mondra na Sala Capitol
Ben Vennas Maio no Pazo da Cultura de Narón
Caldo nas Noites na fresca, Narón
e 3 citas festivaleiras: Jazz de Ría en Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño ; Festival SinSal en San Simón, Redondela ; WOMEX na Coruña
No 2024 seguirei por libre, cunha hora de radio á semana, respondendo á chamada de quen me queira, entenda ou respecte o meu traballo. E non quero finalizar sen dar as grazas ás pioneiras Leilía polo seu labor, polo que nos deron e por se despediren cuns concertos tan fermosos e emotivos, así como felicitar Baiuca por homenaxalas con “Vai tu”
Pepe Cunha, 30-decembro-2023