Un repaso ao ano que nos deixou ben pode comezar facendo referencia á saturación de festivais (mal) apoiados con cartos públicos. Quedou claro que se prioriza a falta de risco ou curiosidade e que se trata máis de chegar a cifras enormes, de vender billetes e facer caixa con moita cervexa. A estas alturas, chegado aos vintecinco anos nisto, reafírmome en que non me atraen esas mesturas sen sentido de artistas. Préstame máis achegarme ás citas que creo que si manteñen ou conservan algo semellante a un criterio, chámense SinSal de San Simón, WOS, Xiria Pop, Revenidas, Felicia Pop Festival (Felipop), Jazz de Ría, Solpores de Canido … Cos anos escapo do moito ruído e as poucas noces, dos nomes repetidos, das aglomeracións de persoas que van máis a estar que a escoitar. Os cartos deste Xacobeo estendido a dous anos foron moi culpábeis de aumentar a burbulla do negocio das grandes quedadas, ao tempo que non apoiaron as músicas do país como cumpría. Veremos que tal a resaca.
Feito este apunte sobre o mediaticamente máis popular, centrareime nunha visión máis orelluda, curiosa, ecléctica, galegófila; esa que pretendo reflectir na miña versión radiofónica, que semana a semana é compartida por Rádio FilispiM, CUAC FM, Radio Roncudo, Radio Neira, Pontevedra Viva, Radio Municipal de Redondela, A Piratona, Agora.gal, PodGalego e agora tamén A Xente de Teo. Excepcionalmente, e coincidindo cos 25 anos do primeiro programa, decidín recuperar cancións que cualifico de “clásico orelludo” e que acompaño da presentación dunha das súas protagonistas. Grazas a quen aceptaron e accederán a participar contándonos algo delas. Se cadra as revelacións deste ano (Leticia Rey, Samudra Trío, Antía Muíño, Mel, Fillas de Cassandra, Tesouro … ) ou as confirmacións (Moura, Caamaño e Ameixeiras, Nastasia Zürcher, Seso Durán …) cheguen un día a ser algo así como clásicos.
Este cuarto de século ben merecía o esforzo de renovar o portal web malia seguir a ser esta unha iniciativa autofinanciada e sen afán de lucro. Ademais do esforzo de traballar na axenda de concertos, sigo cos comentarios de discos editados fisicamente e no 2022 cheguei aos case 30 do país. A colleita foi realmente boa e complementaria entre estilos, non competitiva, aínda que persoalmente salientaría os regresos en disco (“Mae”) de Quico Comesaña, Grampoder, Fanny e Alexander (e con eles A Regueifa Plataforma 2.0) ou Ugia Pedreira como A Pedreira. Na presentación do seu “Segmento Cantábrico” en Ribadeo non podía faltar, como tampouco en Compostela na de “De tu casa a la mía”, o álbum no que Uxía e Ruibal xuntan Rosalía de Castro e Federico García Lorca.
Entre os concertos do país a gardar na memoria mencionaría a presentación con invitadas do novo álbum de Familia Caamagno (“O mundo está derrotado”) na Sala Capitol; tamén alí e con invitadas uns Dios Ke Te Crew ben en forma tocaron o seu novo EP; moi fermoso e intenso foi o concerto fin da xira “Costuras-Immersion” de Guadi Galego no Teatro Principal tamén de Compostela; a presentación en Vilalba da xira dos 20 anos do debut dunha Mercedes Peón que segue a xirar tamén co recoñecido espectáculo “Ósmose”; ou a xira triunfante coas Adufeiras de Salitre de Xabier Díaz, que tamén nos presentou un disco delicado: “Levantarse e caer”. Outras artistas do país que vin ao vivo foron Trilitrate, Momboi, Leticia Rey, Tanxugueiras, Udra, Garza, Berto, Caldo, Catuxa Salom, Ruxe Ruxe, De Vacas, Ukestra do Medio, Voces de Ultratumba, Skyhooks, The Soul Jacket, Fernando Barroso, Martins Aneiros Band, Xosé Lois Romero & Aliboria; Mercedes Peón, Caamaño & Ameixeiras e Ailá na Romaría de Santa Margarida; e A Banda da Loba, Tanxugueiras, Baiuca … no Revenidas.
Sen dúbida, a lista é máis grande cando recupero citas festivaleiras ou ciclos aos que si me acheguei pois complemento con artistas “de fóra”: Clara Peya, Rocío Márquez & Bronquio (repetín no San Froilán porque vaia marabilla!!!) , Haepaary, Ben Lamar Gay, Lido Pimienta ou Tootard no SinSal de San Simón; os showcases do MUMI en Tui-Valença; David Regueiro Trío e Alexandre Cavaliere, Sumrrá, Los Aurora, Nicotine Swing e The Sey Sisters no Jazz de Ría; Sumrrá, Xan Campos Trío, Orquestra Galega da Liberación no Maio Jazz; Jorge Drexler e M Ward nas Noites do Porto; Manel, Roy Ellis, Anni B Sweet & Los Estanques no Teatro Jofre; Bart Davenport e ByWater Call na Sala MardiGras; Enric Montefusco, Uxía e Tachenko nas Noites á Fresca en Narón; Rocío Márquez e Bronquio e Ariel Rot & Kiko Veneno no San Froilán; ELE, Banda Xangai e Airiños da Febra na Noite de Bolos en Neda; Muchachito Bombo Inferno, Coque Malla … E xa a título máis persoal, The Black Crowes en Lisboa, Van Morrison no Coliseum, Primavera Sound Porto, Azkena Rock Festival …
discos debilidade?
Cuarteto Caramuxo, Guadi Galego, A Pedreira, Os D’Abaixo, The Soul Jacket, Quico Comesaña, Leticia Rey, Seso Durán, Holgado, Xosé Miguélez, Tesouro …
Pepe Cunha, 17-xaneiro-2023