novoa “cruza el atlántico”

Novembro 15, 2003

Aquí temos o primeiro álbum baixo o seu nome deste guitarrista galego curtido en mil e unha aventuras (Golpes Bajos, La Marabunta, Los Ronaldos, Mastretta, por citarmos as máis coñecidas). Atinadamente encadrado na colección “Música para un guateque sideral” do selo Subterfuge, Novoa ofrécenos doce instrumentais de moi agradable escoita, guiados obviamente pola súa guitarra, pero acompañado duns músicos que axudan rematar pequenas obras de artesanía: Ricardo Moreno na batería, Pablo Navarro no contrabaixo, Luca Gasca nas teclas, Miguel Malla no saxo tenor e Nacho Mastretta na harmónica e na produción e mesturas. Pode recordar tanto a Ry Cooder como a Dick Dale, e mostra matices bacilóns, melancólicos, relaxados, misteriosos, románticos. Todo un intercambio de melodías, emocións e sentimentos que entretecen un e outro lado do Atlántico. Aínda que non resida por aquí habitualmente, Pablo Novoa dalgún xeito segue a exercer de galego e, afortunadamente, a visitarnos (memorable o pasado verán no Cultura Quente de Cangas acompañando primeiro a Nacho Mastretta e logo a Josele Santiago), como nesta mini xira.
Pepe Cunha (a finais de 2003-comezos 2004 )

AXENDA

Facebook