Desde fans a detractores de Novedades Carminha, pasando polo público ao que nin lles van nin lles molestan, saben claramente de que vai a proposta deste trío. Xa a comentei a propósito do seu terceiro disco “Juventud infinita”: “2 minutos de duración cunha estrutura musical moi marcada e letras tamén breves dominadas por unha frase ocurrente.” Non engañan a ninguén, resultan divertidos, o último disco é resultón … Até aquí non hai problema. Outra cousa é non cumprir nun directo co que vendes.
Todo isto ten que ver coas reflexións ás que me levou o seu concerto na Sala Mardigrás da Coruña. Con todo vendido, mesmo quedando xente fóra, unha banda que presume de concertos divertidos como parte esencial de súa oferta non pode limitarse a cumprir o expediente. Iso é o que fixeron cun público entregado, ao que con pouco que lle deses xa o terías convencido. E non me refiro a tocar só 45 minutos, que se son intensos e cheos de cancións de apenas 2 minutos pode cundir e moito. Falo de falta de ganas, motivación, entrega ou forzas que me transmitiron.
Nestes tempos nos que pensamos con máis coidado onde gastar os cartos, a afluencia a concertos, e en xeral o gasto en música, estase a resentir. A maioría das bandas son ben conscientes e adoitan entregarse aínda máis como agradecemento, sexa diante de ducias ou centos. Polo menos iso é a sensación dalguén que vai a abondos e diversos concertos. Xa vira os Novedades Carminha un par de veces, parecéranme divertidos e non me desagradaran; en festivais, iso si. Talvez tiveron nun mal día na Mardigras pero o problema é que estaban ante un público que si pagara por velos a eles. Teñen moito apoio mediático, pero non deben durmirse.
Xa sabía que non hai que tomalos en serio. Se cadra, tras esta decepción non os tome tampouco en broma.
Pepe Cunha, 2-maio-2014