Aínda que sexa unha obviedade, os discos non deben ser xulgados polo estilo. Se non gostas dunha exaltación do básico e o ton de bricadeira, os Novedades Carminha non son para ti e punto. Feita esta (in)necesaria aclaración, cómpre recoñecer que Carlangas (guitarra e voz), Jarri (baixo) e Xavi (batería) non só o teñen claro senón que dominan o seu modelo de canción: 2 minutos de duración cunha estrutura musical moi marcada e letras tamén breves dominadas por unha frase ocurrente. Novedades Carminha queren rir, gozar, bailar … quitarlle ferro á cousa, vaia. Outro tema é que o seu non che pareza serio, non che faga graza ou esperes máis, que tamén pode ser. As súas cancións, ao igual que os seus concertos, teñen as complicacións xustas ou, de ser posíbel, ninguna.
Tras “Te vas con cualqueira” e “Jódete y Baila”, xa chegan ao terceiro álbum -que non longa duración- e debutan con Ernie Producciones. Se querían seguir sendo eles e non repetirse en exceso, conseguírono. A boa dose de actitude punk ou provocadora non se perde e haberá quen siga lembrando os primeiros Siniestro Total, pero co avance dos discos apreciamos máis similitudes cuns Doctor Explosión, Wau y los Arrgs, Juanita y los Feos … polos sons sesenteiros de pop, garaxe, beat e descaradamente lo-fi. A elección da versión de Jacques Dutronc (“Et moi, et moi, et moi”) é significativa, así como encargar a gravación e mestura a Ángel Kaplan (Bubblegum, Doctor Explosión, The Cynics … )
Se medimos o acerto pola capacidade de enganche das cancións, calquera se sorprende tararexando letras sobre foder con dito popular (“O follamos todos o me tiro al río”), personaxes do acervo popular (“Oh, Vaquilla, vuelve a la ciudad. Tu navajapeine no me va a asustar”), o postureo con cita de canción melódica incluída (“Cara de gitana, dulce apasionada, desde que eres indie te noto apagada”), o look sport (“Non quito o chándal”), os calentóns (“Nadie te morrea como te morreo yo”), o rexeitamento amoroso (“Me haré celtarra si tú te vas”) ou o ligoteo (“Déjame, es un mal trago ser tu caprichito de Santiago”). Mención especial merece o bonus track perpetrado por Hevi (Malandrómeda) e agochado tras uns minutos baleiros: unha incrible versión orquestrareguetoneira dos Seeds !!!
Tomalos en serio? Nin de coña.
Pepe Cunha, 4-abril-2014