Faltriqueira
O grupo Faltriqueira encarna a corrente máis fresca do panorama xurdido das fontes da música tradicional. Fusionando a polifonía coas percusións e os instrumentos acústicos, Faltriqueira son un proxecto vocal autónomo que foxe da ríxida tradición e dota de nova vida a cancións recollidas en diversas latitudes, non só na súa Galiza natal.
Iniciadas en Orballo, grupo folclórico da súa vila, recollen a herdanza tradicional das cantantes pandereteiras enchoupándoa da súa xuventude, naturalidade, gusto e achegamento a diferentes estilos musicais próximos e lonxanos xeograficamente.
Colaboraron en gravacións e acompañaron en concertos a Luar na Lubre, Mike Oldfield, Oskorri, Kepa Junkera, Víctor Manuel, antes e despois dun debut discográfico editado a finais do 2002 e distribuído por medio mundo. Faltriqueira (Resistencia, 2002) levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces e otorgoulles unha gran aceptación da crítica especializada, pois foi escollido entre os 10 mellores álbumes do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). Do mesmo xeito, varias cancións súas foron escollidas para diversos recopilatorios coma “Women´s World Voices”, “Femmes Celtes” ou “Oriental Garden”.
Tras ofreceren concertos pola Península Ibérica, Bermudas ou Namibia e gañar tamén o recoñecemneto do público en festivais coma o Etnofestival 2005 de San Marino, o Rock in Rio en Lisboa, o Fórum das Culturas en Barcelona, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Parapanda Folk ou Plasencia Folk… chega o momento da agardada continuación discográfica: o “ Efffecto Faltriqueira ” (2006).
Andante , tranquilo pero sen lentitude, como fixeron co primeiro disco, Ana, Carolina, María e Teresa foron alternando eses concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do álbum confirmación. Na procura da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais como “Vén bailar”, “Canteiros de Pontevedra”, “Dama de papel”, “Queridiño”, ou esas “Copras á Patroa” nas que nos invitan as festas da súa vila, Pontedeume, a cantiga medieval “Trobadores”, e incluso os ritmos do leste europeo asoman en “Adios”. Tamén lucen as súas voces nunha canción de orixe senegalesa “Fatu yo”, exemplo da consecuencia das viaxes, os contactos e os intercambios de material, ou nun tema tradicional estadounidense que rexistraran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton no álbum “Trio” adaptándoo coma “Caixa de roseiras”.
Tampouco falla a reivindicación neste álbum, pois ademais do compromiso das letras co “Canto libre” de Víctor Jara, recrean dúas cancións máis cercanas ao pop representativas daquel período de reapertura para as gravacións en galego tras a fin da dictadura en España: o “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro, ámbalas dúas revitalizadas con este novo tratamento.
A complicidade co público está asegurada grazas á sinxeleza e á naturalidade que acompañan ás súas voces frescas arroupadas sobre as táboas por Jorge Juncal no acordeón, Roi Adro nas percusións e o “Faltriqueiro maior” Pascal Gaigne ás cordas
Texto de Pepe Cunha