Kalandraka edita co bo gusto que acostuma este libro-disco de arrolos tradicionais. Trátase dun proxecto dirixido polos músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira. As ilustracións fermosas de Mariona Cabassa acompañan quince cantos tradicionais recollidos polo país e actualizados. En verbas de Mini Rivas (ex dos míticos Fuxan os Ventos e A Quenlla) no limiar, “Estes cantos de berce, noutrora abondosos e hoxe case inexistentes, transmitían as palabras primeiras. Palabras que completaban o universo sonoro co amor vertido sobre a criatura…”
As composicións proceden de puntos diversos da xeografía galega (Domaio, Bande, Xacebáns, Ribeira de Piquín, Viveiro, Verín …) e son recreadas co agarimo que cómpre para conservar a riqueza de adurmiñar as crianzas con cantos de berce. Na execución musical, @s artistas que se encargaron de gravar foron, ademais do mencionado Mini, Sonia Lebedynski e Merchi Rodríguez das Leilía nas voces, mentres que na interpretación musical están Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó, Segundo Grandío e Navia Rivas. Calidade.
Con estes vimbios e presentación, o resultado é un agasallo ben acaído para estas datas. Contén momentos notabeis que chegan máis aló dun xénero concreto, como o “Arrolo de Domaio”, o peche co “Canto de berce” de Roxelio Groba interpretado ao piano por César Longa e Magoia Bodega na ocarina e un “Berce do Pedro Chosco” precioso cuxa ligazón ao videoclip baixo estas liñas.
Pepe Cunha, 15-decembro-2014