niño y pistola “there”s a man with a gun over there”

Marzo 20, 2013

Se recoñeces o verso que titula este álbum, significa que probablemente gostes das súas coordenadas musicais e debas pegarlle unha escoita canto antes. O novo álbum da banda xurdida do Val Miñor tira dunha mítica canción de Buffalo Springfield (“For What It”s Worth”) coma introdución aos dous alicerces claros do disco: unha ligazón narrativa e as referencias musicais de grandes nomes da música norteamericana a cabalo entre os 60 e 70. Deses anos tamén foi a época dourada do folk rock británico, do que non falta aquí influencia.

No seu anterior disco agochábanse baixo “Arthur and the Writers” para facer cancións a partir dos poemas dun personaxe ficticio. Desta vez tiran da idea da mencionada canción de Stephen Stills que refllictía unha sensación de que algo está a acontecer (Está a pasar algo aquí, / non está moi claro o que é/ Alí hai un nome cunha pistola / dicíndome que teño que ter coidado). En 38 minutos, duración tamén coincidente coa época musical que recrean, amosan o sentimento de desacougo, de crise, da necesidade dun cambio, dunha revolución persoal e, por extension, colectiva. Dividen en dúas suites, ou bloques de pezas entrelazadas, a historia dun traballador do rural estadounidense nos anos 50. Na primeira parte, Tom, canso do seu xefe, merca unha pistola para matalo e termina no cárcere. Na segunda, Tom volve ao seu lugar de orixe dez anos despois.

No musical, a banda amosa nitidamente a pegada de bandas como Buffalo Springfield, Neil Young, The Band, George Harrison, Bob Dylan, Fairport Convention, Jefferson Airplane…. Neste impecable exercicio de estilo, soan a banda perfectamente cohesionada, cunha base rítmica ás veces tenue, ás veces pesada, con guitarras eléctricas ou acústicas, o banjo, unhas harmonías vocais ben coidadas e un plus de calidade a cargo de dous invitados de luxo: ao pedal steel Álvaro Lamas e aos teclados e piano Charlie Bautista, xa presente no anterior álbum. “By the Grace of God” supón un endurecemento do seu son, ben acaído aquí para o tormentoso intre do asasinato. Tras ela, a calma chega con toda unha homenaxe a The Band: “And then the rain started”. Para rematar o disco, outra das xoias: un “We”ve had enough” a maior gloria do Neil Young de “Cortez the Killer”.

Aquel seu debut de pop acústico e máis británico “Como un maldito guisante” fora unha grata sorpresa. Tras un irregular “Culebra”, o seu terceiro “Arthur and The Writers” resultou todo un salto de calidade. Agora confirman a solidez da súa proposta e as ganas por ofrecer un chisco máis, chámese álbum conceptual ou historia. Porén, o realmente importante é que teñen moi ben asimiladas as súas referencias e conseguen plasmalo en cancións propias ben executadas.

Pepe Cunha, 20-marzo-2013

datas confirmadas:
Sábado, 23/2: Baiona (Taberna Marrucho)
Viernes, 15/3: Pontevedra (Sala Karma)
Viernes, 22/3: Ferrol (SuperOcho)
Sábado, 23/3: Oviedo (Nunca Jamás)
Viernes, 12/4: Barcelona (Sala Sidecar)
Sábado, 13/4: Zaragoza (La Ley Seca)
Jueves, 25/4. Radio3 (Conciertos de Radio3)
Jueves, 25/4. Madrid (Siroco)
Viernes, 26/4. A Coruña (Le Club Directo)
Sábado, 27/4: Vigo (La Iguana Club)

AXENDA