Estamos afeitos a propostas nas que a música tradicional é reinventada ou recreada por artistas máis novos. É o caso deste artista cangués e multifacético (actor, cantante, bailarín, director de escea…) que edita o seu primeiro traballo discográfico a partir do espectáculo Gharbo! (co-producido hai un par de anos co Centro Dramático Galego) e a suma doutras experiencias musicais súas.
Composicións tradicionais do país son levadas cara o pop, o tango, sons “bravú”, arábigos ou música trovadoresca, doutros países da lusofonía (Angola, Cabo Verde, Portugal…) e mesmo Euskadi coa versión de “Haize Hegoa” (de Mikel Laboa a partir dun poema de Telesforo Monzón). Para isto apóiase nos arranxos do guitarrista Álex Lorenzo e o labor de músicos coruñeses (cidade onde reside) como Fran Castro (teclado e baixo), Pulpiño Viascón (zendrum, serrucho e percusións) e “Dubi” na flauta traveseira e os saxos soprano e tenor).
Aquí non faltan boas intencións, ideas e mesmo acertos, pero o disco en conxunto resulta irregular para un público esixente. Se medimos o éxito destas propostas por achegar algo máis ou menos novidoso ou facer moi ben algo xa recoñecíbel, “Orquesta Gharbo!” queda a medio camiño como gravación. Iso si, trátase dun disco de debut con bos momentos e colaboracións que funcionarán de seguro ao vivo, como Silvia Penide emocionando en “As mans perdidas”, a desenfadada “Sofán”, o “Tango da Illa de Ons”, os coros de María “Faltriqueira” en ”Canto de andar o camiño”, a reivindicación do angolano Waldemar Bastos na versión do seu “Sofrimento-Angola”… Mesmo ao libriño, cun prólogo atinado do escritor Diego Ameixeiras e presentacións interesantes das pezas, semella faltarlle tamén un bo acabado.
O álbum financiouse en parte mediante unha campaña de micromecenado e foi gravado nos estudios da Fundación Autor SGAE de Santiago de Compostela. Edita Inquedanzas Sonoras.
Pepe Cunha, 6-febreiro-2014