Nelson Quinteiro “Orquesta Gharbo!”

Agosto 02, 2013

nota:
Nelson Quinteiro chega a Carballo na programación de verán para ofrecer en primicia mundial o repertorio do seu disco “Orquesta Gharbo!” co que entrará en estudio próximamente e que é posible grazas a unha campaña de crowdfunding realizada entre os meses de abril a xuño.
Nelson Quinteiro fai a presentación en sociedade da nova formación e repertorio da “Orquesta Gharbo!” nun espectáculo multidisciplinar en Carballo.
O vindeiro 2 de agosto ás 22:30 h a Praza do Concello de Carballo vestirá de raia diplomática para albergar a presentación mundial do repertorio e banda escollida para o novo disco de Nelson Quinteiro “Orquesta Gharbo!”

Para elo, ofrecerase un espectáculo multidisciplinar no que participa o quinteto musical que formará a súa nova formación (Nelson Quinteiro á voz e ós pedais de loop, Álex Lorenzo á guitarra, Pulpiño Viascón á batería, serrucho e zendrum, Fran Castro ó piano e Eduardo Méndez “Dubi” á traveseira, saxo e gaita).

Haberá ademais colaboracións especiais coma as do grupo Maghúa Pandereteiros que participarán ós coros dalgunhas das pezas de Quinteiro e que ademais ofrecerán varias pezas do seu disco “Corricán”.

Tamén teremos unha intervención da cantautora Silvia Penide, que porá voz á peza “As Mans Perdidas” do disco “Orquesta Gharbo!” e que nesta ocasión ofrecerá tamén dous temas do seu disco “Animal”.

Porán a guinda a todo isto os bailadores Miguel Sotelo e Belén Trabazo ou as actrices María Polo e Uxía Vázquez, que ofrecerán diferentes accións dramatúrxicas ou danza arredor dos temas da “Orquesta Gharbo!”

Será en Carballo, entón, o 2 de agosto ás 22:30, na Praza do Concello, ao aire libre; e completamente de balde.

A función, por medio da Rede Cultural da Excma Deputación da Coruña supón o pistoletazo de saída para o noso proxecto musical co que entraremos en estudio a partir do 19 de agosto, da man de Gerardo Amigo. Se todo vai ben o disco “Orquesta Gharbo!” estará na rúa a principios de outono deste ano.

Crowdfunding

Lembrarvos que todo isto está a ser posible grazas á colaboración de amigos/as e mecenas que teñen contribuído na campaña de crowdfunding para levar adiante este disco. Despois dos 40 días na plataforma www.verkami.com, e na que dimos recadados 1.897€ abrimos a nosa propia plataforma www.gharbo.org/crowdfunding que segue en activo e coa que xa chegamos ós 2251,84 €

Cando todo este proceso remate, a mesma plataforma será redirixida a unha nova páxina e convertirase nunha lonxa virtual.

Internacionalización

O proxecto Nelson Quinteiro e a Banda Orquesta Gharbo comeza a colleitar éxitos e recoñecementos. O pasado xoves 24 de xullo recibimos esta nova, que nos enche de orgullo e ao mesmo tempo responsabilidade de ofrecer un disco e un espectáculo á altura de todas as expectativas e apoios:
Estimado amigo:
Nos complace comunicarte que el grupo Nelson Quinteiro y la Banda Gharbo ha sido seleccionado por el comité consultivo del área de Música formado por expertos independientes, para formar parte de la oferta cultural que el Departamento de Cooperación y Promoción Cultural, de la Dirección de Relaciones Culturales y Científicas de AECID, ofrecerá en el año 2014 a la red de Embajadas y Centros Culturales de España en el exterior

Seguimos informando… o 5 de agosto, luns, estaremos en Ourense, na terraza do Café Grándola, en formato dúo, e a finais de agosto chegaremos, segundo o previsto ás Festas do Cristo de Cangas.

Facebook

22:30 h.
Praza do Concello, Carballo.
De balde.