Cos tres álbums na súa traxectoria xa podemos dicir que un traballo de Nastasia Zürcher é sinónimo de calidade. Porén, ben sabemos que iso non garante un éxito se o entendemos como recoñecemento popular ou coa contratación de concertos onde amosar o seu talento e o público constatar que non ten nada que envexar doutras propostas que nos chegan de fóra. Para internacional e políglota ela, que canta o seu neo-soul, R&B e funky luminoso en catro idiomas. Mais tamén iso fai dela un pouco o que chamamos unha “rara avis” no noso panorama.
Desde o colorido da edición física do disco, a galego-suíza aposta polo positivismo, pola boa onda a conciencia, sabendo que hai unha parte má; de aí ese “BUT” do título e as cancións emocionalmente máis dura (“Lo estoy soltando”), ou grave (“A sentirlo”). Porén, abonda o cargamento de boas vibracións e as guitarras, teclados e baixo brillantes a cargo do seu fiel produtor Adrián Saavedra e unidos constrúen un traballo de liberdade, de resiliencia emocional e sensorial, útil para apoiarse e afrontar tristezas e etapas fodidas. Se cadra o comezo “Aires de movimiento” e o feche “Che chegue a luz” non lle fagan xustiza ao que encerran, pero si apuntan a exhibición de técnica vocal que tan ben funciona en “Do We?”, por exemplo.
Apréciase moito traballo e gusto no aspecto vocal e compositivo e química na produción musical, cun resultado versátil, máis ecléctico que disperso. Talvez peca de disco longo e variado abondo para estes tempos -trece cortes e unha hora en total-, pero grazas a iso temos oportunidade de pasar por moitos estados: a emoción dun pop suave en “Un jour”, a balada soul “Just” a dúo con Myriam Latrece, o gusto pola percusión tirando a tribal con Pablo Lesuit, o baile en “Lord, I’m Alive”, arrecendo épico en “Onde mirar”, a sensualidade elegante de “To confess”, o funk aos 80 de “Revelation”, Moi degustábel se se consome nas doses axeitadas.
Pepe Cunha, 24-outubro-2022