narf e manecas costa “aló irmao”

Agosto 04, 2010

Manecas Costa é un cantante de fermosa voz, compositor e músico virtuoso (guitarra, baixa e a ‘tina’ ou tambor de auga) de Guinea Bissáu, moi vencellado ás tradicións da súa terra pero ao mesmo contemporáneo, atento ás tendencias musicais do mundo. Narf (Fran Pérez) é un músico galego con tendencia á aventura que xa no seu segundo disco, “Tótem” (2007) amosaba influencias africanas e brasileñas sobre as súas melodías de pop. Estes dous músicos de mentes inquedas e corazóns abertos atopáronse tras actuaren por separado e sentiron a necesidade de crear xuntos e compartir esta experiencia para que “o público veña con nós mentres dure o concerto a ese lugar no que non hai preocupación, no que só hai felicidade”. “Aló irmao!” é o primeiro resultado da súa proposta entre sinxela e innovadora que transmite a calidez dunha gravación ao vivo (16 e 17 de xuño de 2009 no Teatro Principal de Santiago). Ademais dos 12 temas do CD, cantados en galego, en portugués, en crioulo, en machopi ou inglés, achegan un dvd que recolle o concerto, no que tamén participa o percusionista mozambicano Celso Mahuie. “Aló irmao!”, é unha proposta creativa aparentemente sinxela, de encontro e encaixe, que procura a emoción baseándose nas guitarras e nas palabras. Un ten certa debilidade polas composicións de Manecas “Nha mame” ou “Irmón di terra”, pero os temas construídos con poemas de Sonia Sultuane “Palavras” ou “Quero ser tambor” de José Craveirinha, as letras de Xelís de Toro “O tren… marchou sen facer ruído” ou “Woman rain”, e as composicións conxuntas coma “Esta noite”, tamén invitan a deixarse levar por esta viaxe. Producido por Nordesía e editado por Falcatruada.
Pepe Cunha 04-agosto-2010

AXENDA

Facebook

7 hours ago

Ábrete de orellas
Hoxe Sumrrá agasalláronnos cun "greatest hits" ao interpretar unha peza de cada un dos sete álbums. Tiveron que facer 2 máis porque o público na Sede Afundación da Coruña así o quixo. Non canso de velos. Ciclo #butacadejazzMada Producións ... See MoreSee Less
Ver en Facebook