napoleón solo “máximo ruíz ferrer”

Maio 07, 2015

Din que para este seu terceiro álbum (primeiro co selo galego Ernie), a banda granaína entrou no estudio sen ideas previas e foi construíndo desde cero. A esencia de ser alternativo ou indie debería ser a de, en boa medida, probarse e desmarcarse para procurar selo propio ou diferenciación. Hainos que teñen etiqueta indie pero soan a máis do mesmo, aspecto que non se lle pode reprochar a esta banda, que volve arriscar, agora cun disco que emprega unha táctica boa para crear expectación, mais tamén prexuízos: o álbum conceptual. “La recuperación del viejo repertorio de Máximo Ruiz Ferrer era el único plan sensato. Hacer audible la música que Máximo Ruiz Ferrer guardaba en su turbulento interior”, comenta a banda. Con este fío entregan uns textos nada vulgares para narrar experiencias vitais e sensoriales, de lembranzas, amor, morte -da vida e do amor-, o futuro e as súas incógnitas …

Por riba do aspecto máis indie-pop. os aires de música tradicional española que aparecían no debut “Napoleón Solo en la Ópera” seguen presentes (a melodía de “Emilia y Pepe” é pura canción popular), O segundo álbum, “Chica Disco”, cambiaba notoriamente co achegamento á electrónica que se mantén, máis relaxada, nos arroutes groove de “Pequeña canción del espacio”, por exemplo. Non escatiman en riqueza instrumental, unhas veces guitarras rabiosas, outras luminosas e nítidas, outras sintetizadores, harmonías de voz, xilófonos… Malia o título “unificador” do disco, as cancións non fan un conxunto, senón que varían abondo dunha á seguinte. “Matamuertos y la Cruel” abre cunha atmosfera confusa de sintetizadores e guitarras; “Emilia y Pepe” experimenta os aires folclóricos e a copla cos violíns e un tono flamenco; “Yuliana Juliana” soa ao pop español máis inmediato dos 60; “Del Amor Perdido“ é unha canción épica que tira de música orquestral e, unha vez máis, aires folclóricos; “Las cinco como siempre” tamén é pop clásico de aires máis californianos…

Malia conter momentos máis asequibeis ou directos como os mencionados e “Llegó el verano”, non é este un álbum compraciente. Quixeron non repetirse, dar outro cambio, feito que os honra, e entregan un álbum talvez irregular. Necesita un mínimo de atención, complicidade e receptividade, precisa varias escoitas para apreciarmos a mostra ecléctica de arranxos e detalles sutís na producción. Un pop xeneroso e, por momentos, brillante, aínda que o primeiro contacto transmita certa oscuridade. Nesta confusión ou contradicción radica o encanto dun disco que pode ser unha volta de torca cara á madurez da banda ou intuír que o seguinte paso tamén será unha sorpresa.

Pepe Cunha, 7-maio-2015

Facebook