nota:
ESTACIÓN DE JAZZ A CORUÑA
Esta Estación de Jazz da Coruña, a cabalo entre o inverno e a primavera, trae ao Teatro Colón catro das máis destacadas propostas xeradas na trepidante e prestixiosa escena galega do jazz.
Nesta particular estación poderemos mergullarnos na nova posta en escena de Sumrrá, presentando o seu novo disco coas videocreacións de Laura Iturralde.
Tamén darán a coñecer as súas novidades discográficas dous dos nomes máis sólidos da escena ibérica, Pablo Sanmamed Trío e o Pablo Castaño Quartet, que estará acompañado pola cantora Ugia Pedreira.
O concerto especial de apertura corre a cargo de Naima Acuña Project. Nel poderemos escoitar as novas composicións da prestixiosa batería coruñesa coa participación do artista internacional Simon Moullier.
Naíma Acuña é unha nova e xa consagrada baterista de Jazz e Música Moderna, avalada por músicos top deste xénero como o baterista Álex Acuña (Chick Corea, U2, Santana, Ella Fitzgerald…) ou o saxofonista Greg Osby. Ten participado en numerosos proxectos, festivais e gravacións importantes, tanto en Europa como nos Estados Unidos, acompañando a músicos tan recoñecidos como Greg Osby, Mark Turner, Matt Brewer, John Escreet, Ben Van Gelder, Marquis Hill ou Liberty Ellman.
A coruñesa volta ao Teatro Colón acompañada polo reputado contrabaixista Paco Charlín e coa sorpresa do vibrafonista francés afincado en Nova York Simon Moullier.
Compositor, director de orquesta, productor, músico de xira activo que se ten presentado nos clubes e festivales de jazz máis respectados a nivel internacional… confirman a Moullier como unha das voces más destacadas da súa xeración. Actualmente forma parte das banda de Herbie Hancock e de Terry Line Carrington, ademais de ser unha das xoves promesas de Quincy Jones.