Nace Singular, un novo Festival do Monólogo Teatral organizado polo Concello de Narón e por Eme2

Marzo 29, 2016

Nota:

Hoxe presentouse en Santiago de Compostela Singular, o novo Festival do Monólogo Teatral organizado polo Padroado da Cultura do Concello de Narón e pola produtora Eme2. Unha a nova aposta cultural galega que pretende potenciar as propostas dramáticas unipersoais e misturar a tradición teatral, a innovación dramatúrxica e os alicerces do monólogo humorístico. O festival arrincará este venres, 1 de abril, no Pazo da Cultura de Narón coa estrea do Monólogo do imbécil de José Prieto, protagonizada por Xosé Antonio Touriñán.

Segundo explicaron en rolda de prensa o alcalde de Narón, José Manuel Blanco; a concelleira de cultura, Marián Ferreiro; a produtora teatral Mercedes Castro, en representación de Eme2; o actor Xosé Antonio Touriñán; e José Prieto, autor do Monólogo do Imbécil, Singular quere converterse nunha nova cita na axenda cultural galega que chegue tanto ao público habitual do teatro como a unha nova audiencia que faga o seu primeiro achegamento ao mundo da interpretación a través de propostas cómicas.

José Manuel Blanco destacou a importancia que ten o teatro en Narón: “Cando aínda non se sabía que Narón era a oitava cidade de Galicia, xa se coñecía polo teatro”, dixo. “Fomos pioneiros e aínda que ao principio nas obras había case máis actores que público, insistimos e agora todas as fins de semana o Pazo da Cultura énchese para ver teatro”.

O alcalde explicou que o Festival de Monólogos Singular pretende reforzar aínda máis esa aposta polas artes escénicas e o teatro, centrándose esta vez nas obras unipersoais de corte cómico. O soliloquio é un xénero que forma parte da historia do teatro dende os seus comezos. “A mediados do século XX desenvolvéronse monólogos dramáticos asociados á vangarda teatral, e a finais de século estoupou o fenómeno do monólogo cómico, que segue contando cunha gran popularidade”, explicou.

A concelleira de cultura de Narón, Marian Ferreiro, tamén insistiu nesta idea e explicou que o Pazo da Cultura de Narón acollerá cada venres do mes de abril, sempre ás 20h30, outros coñecidos e recoñecideos monologuistas: o 8 actuará José L. Esteban, con Arte de las putas, una historia de amor; o 15 estará Celso Samartín, con seu inconfundible Contar; e o 22, Riki López, con Me tengo contento.

O Festival do Monólogo Teatral Singular comezará o 1 de abril ás 20.30, no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón, con Xosé Antonio Touriñán e o seu “Monólogo do imbécil”.

“É unha doble ledicia abrir o Festival con este monólogo, que é unha obra de Xosé Prieto, un veciño de Narón que está nas primeiras filas do panorama escénico local, autonómico e estatal, e que está interpretado por alguén tan recoñecido como Touriñán”, afirmou Marián Ferreiro.

O autor e director do Monólogo do imbécil, José Prieto, que acadou con esta obra o Premio Max de Teatro 2003 ao mellor texto en lingua galega, explicou que é un texto do 2003 que intepretara inicialmente Santi Prego e que agora se retoma con Touriñán. “Creo que vai ser unha gran revelación para o público velo, pola gran cantidade de matices que achega á personaxe”, asegurou.

Pola súa parte, o actor confesou que é unha “honra e un reto” facer esta obra. “Este é un dos maiores retos aos que me enfrontei durante toda a miña traxectoria, ogallá sexa capaz de sacar o imbécil que levo dentro co nivel que esixe o texto–afirmou Touriñán-. Este monólogo é algo distinto, e os actores para medrar temos que pasar por todas as experiencias posibles”.

Segundo explicou Mercedes Castro, o Festival Singular será a primeira parada do Monológo do Imbécil, pero despois de pasar por Narón comezará unha xira que o levará ata a Feira de Teatro de Castilla La Mancha, o 12 de abril en Albacete; ao Auditorio Municipal de Ourense, o 29 de abril; ao Auditorio Municipal de Vigo, o 6 de maio; ao Teatro Municipal de Cedeira, o 7 de maio; e o Festival Internacional de Mueca, o 12, 13 e 14 de maio en Tenerife; ao Teatro da Beneficencia, o 21 de maio en Ortigueira; ou ao Teatro Rosalía de Castro, o 4 de xuño en A Coruña, entre outras datas e lugares ainda por pechar. “Narón é o punto de partida, pero esperamos ter unha xira internacional”, adiantou Castro.

O programa completo

Monólogo do Imbécil
Xosé Antonio Touriñán
Producido por Eme2 e Padroado da Cultura de Narón
1 de abril, 20:30 h e 2 de abril, 20:00 h. Café Teatro do Pazo da Cultura
A Santi todo lle sae mal. El procura comportarse coma os demais, ten ilusión por ir á escola coma todo o mundo, por ter un traballo coma todo o mundo e casar cunha rapaza coma todo o mundo, pero sempre sucede algo que acaba deixándoo con cara de parvo. É certo que ten unha tendencia a estar sempre nas nubes. E ás veces queda parvo mirando a ningures. E pensa: “Que fago eu aquí… coma un imbécil”. Así que un día decide mirar atrás na súa biografía para ver de buscarlle o sentido ás cousas.

Arte de las putas, una historia 
de amor
Elías Cañabate: José L. Esteban
Producido por Jotacción
8 de abril, 20:30 h. Café Teatro do Pazo da Cultura
O obxectivo desta obra é divertir ao espectador -non só entretelo- cun traballo que volve aos clásicos, ás historias que os nosos antepasados aínda queren transmitirnos. Nun momento no que, para case calquera de nós é máis doado vivir os clásicos que lelos, esta proposta quere mostrarnos a súa cara máis humorística. “Non é só que pensemos que os clásicos son divertidos. É que, en moitas ocasións, se non son
divertidos, é que non son clásicos”.

Contar
Celso Sanmartín
15 de abril, 20:30 h. Café Teatro do Pazo da Cultura
Para Celso Sanmartín, Contar é o seu oficio, a palabra que ten na boca cada vez que sube a un escenario, coa claridade de que comparte un saber que practicamos todos. “E non algunha vez senón toda a vida, porque non contar sería tanto coma non convivir, e polo tanto, en positivo, contar é convivir. Contar para que os demais te teñan en conta”.

Me tengo Contento
Riki López
22 de abril, 20:30 h. Café Teatro do Pazo da Cultura
O humorista cantador Riki López volve aos escenarios máis larapetas e espontáneo ca nunca, con hilarantes cancións cómicas impregnadas de autocrítica e costumismo, sen descoidar a revisión dalgúns dos seus clásicos. Un sinxelo, xenuíno e esmendrellante espectáculo, no que veremos novamente algún aspectos característicos dos seus monólogos, como a autocrítica, o rirse de un mesmo, a súa torería no escenario e a súa complicidade co público da sala.

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook