N.H.U. recibirán o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música, na edición da súa consolidación como certame

Outubro 20, 2014

A directiva de Músicos ao Vivo decidiu conceder o seu Premio Honorífico deste ano á banda compostelá de rock progresivo formada na década dos 70, N.H.U.

Eis unha breve historia da banda, escrita por Alfonso Espiño, como extracto do seu libro Historia da Música Moderna en Santiago de Compostela (1954-1978), de vindeira publicación

N.H.U.

A historia de N.H.U. nace no Colexio Manuel Peleteiro, onde se forma o conxunto Los Trucos a principios da década de 1970. Dous dos seus compoñentes, Xosé Ferreiro e Roberto Abal, deciden formar un grupo paralelo xunto con Antón Porteiro, Ricardo Máiz e Emilio Cao. O novo conxunto recibe o nome de Question, e supón unha ruptura con respecto ó pop que se viña facendo nos anos sesenta. Solidamente baseados no blues, no jazz e no rock, comenzan a afianzar o seu son nos terreos do rock progresivo. En xuño de 1972 son contratados para actuar na discoteca Pop Pool polo espazo dun mes en sesións de tarde e noite.

Unha fermosa madrugada de 1973 deciden adicarse profesionalmente á música, e Question pasan a chamarse N.H.U. O nome é o acrónimo de Una Hermosa Noche, ó revés, e tamén facía referencia ó grupo californiano It’s a Beautiful Day. Como a música de N.H.U. non está orientada ás masas, dan forma a un repertorio paralelo co que se presentan nas festas e verbenas. O froito do duro traballo coma orquestra destínase ó pago dos caros instrumentos e amplificadores. Mentres tanto, pola semana, comezan a preparar a que logo sería coñecida coma A Obra. Os ensaios tómanse coma se fose un traballo de 9 a 13:30 e de 16 a 20:30 horas. Ensaian nun local da rotonda de Conxo. As influencias neste punto xa inclúen a King Crimson, Yes, Soft Machine ou Gentle Giant. Neste momento o grupo está composto por Roberto Abal á guitarra, Ricardo Máiz á batería , Xosé Ferreiro á voz e frauta traveseira e Tino Grandío ó baixo, tralo abandono de Cao. Antón Porteiro tamén deixa a agrupación por estas datas.

Ao redor de 1974 entra como segundo guitarrista Antonio Fernández, alias Bretch, que aporta un son distorsionado na línea de Led Zeppelin e Frank Zappa. Ó pouco tempo, Bretch abandona a formación, sendo o seu lugar ocupado por Xoan Piñón. O desfile de compoñentes, sobre todo guitarristas, será unha constante. Ricardo Máiz tamén deserta, pasando Ferreiro a tocar a batería. O sistema de traballo do grupo baséase en códigos e esquemas propios, e caracterízase por largas e intuitivas improvisacións que dotan á banda dunha forte personalidade, á vez que se ironiza co academicismo.

Para enriquecer a súa paleta sonora engaden a Xurxo Pérez, que se encarga do órgano Hammond. Outras colaboracións inclúen esporadicamente a Benedicto, de Voces Ceibes, ó guitarrista Pablo Villanueva ou ó violinista Osiris. Piñón deixa o grupo en 1976. Pouco despois e por mediación de Nonito Pereira conseguen un contrato coa discográfica Zafiro (división Novola), e a comezos de 1977, Roberto, Tino, Xurxo, Xose e o seu irmán Xulio, que figura coma percusionista, rexistran o seu único LP nos estudios Euro-Sonic de Madrid. A escasa promoción e o feito de que o rock sinfónico e progresivo xa eran historia no momento da súa publicación, explican que o conxunto non despegue. En 1979 sae Roberto Abal e entra Cuchús Pimentel. O saxo de Xulio Seoane é unha das derradeiras aportacións a un grupo que xa dá os seus últimos pasos a comezos da década de 1980.

Hoxe en día son profesores, investigadors musicais, músicos profesionais, fotógrafos ou pintores, algúns xa retirados. Case todos seguen tocando na súa intimidade.

Estes son enlaces aos seis cortes do LP homónimo de N.H.U.

1. Na terra do verde chan https://www.youtube.com/watch?v=tJ3yubWPdMU
2. A titiritada https://www.youtube.com/watch?v=UyX2oAVQp2g
3. Friky & Alexo https://www.youtube.com/watch?v=uXg8mhd-Id0
4. Doente https://www.youtube.com/watch?v=3LUZh7sJL84
5. Hay un tren https://www.youtube.com/watch?v=fqRnc73zrKY
6. A trancas e barrancas https://www.youtube.com/watch?v=vV2y5dM9YxU

AXENDA