O ano musical en Galicia caracterizouse por exitosos debuts e polas gravacións en directo dos estilos máis variados. Cando menos así se desprende das preferencias dos críticos e especialistas que consultamos para facer a selección dos álbums do ano. Descarga ao vivo, Cuba-Galiza é un dos poucos títulos que se repiten preferencias de Raquel Gamallo, Xurxo Souto, Pepe Cunha e Xavier Valiño.
Ao vivo
A fusión de Descarga ao vivo, Cuba-Galiza (Falcatruada) é o único álbum dos publicados no noso país ao longo de 2009 que consegue o apoio de dous dos críticos que consultamos. O músico e escritor Xurxo Souto, que durante anos levou Aberto por reformas o único programa da Radio Galega dedicado á música en galego, salienta sobre esta obra que se trata dun “disco prodixioso. Reencontro brutal! Melodías que os “nosos avós” armaron na illa do Caribe -coñecidas, ou non nesta ribeira-, interpretadas en clave de liberdade absoluta por un feixe de virtuosos de aquén e de alén do Atlántico”.
Pepe Cunha, crítico musical responsable do web Ábrete de Orellas califica esta gravación coma “unha salientable representación de músicos galegos e cubanos actuais plasman no directo a fusión inspirada por unha investigación musical de Ramón Pinheiro. Habanera, rumba, jota, muiñeira, danzón ou jazz latino apértanse con agarimo e mestría nunha viaxe musical de ida e volta”. Este mesmo crítico apunta ao CD-DVD Terra de soños (Boa Music) de Fuxan os Ventos, “outra gravación ao vivo” entre os máis destacados do ano. “O retorno dos clásicos dos clásicos. Fuxan os Ventos, co tributo dos seus discípulos -hoxe mestres verdadeiros-e gran formato instrumental, para volver emocionarnos coa marabilla da súa musica”, explica.
Aínda máis folk e máis discos en directo entran nesta escolma da man de Raquel Gamallo, responsable do portal web Ghastaspista, un dos pioneiros na información sobre folk en Internet. Gamallo seleccionou Ao vivo (Warner Music) de Luar na Lubre “por brindar a posibilidade de ter na casa un auténtico directo do grupo. Porque sorprende nas colaboracións, impresionantes, e na calidade, non só musical senón tamén visual. Nada que ver coa gravación de directos aos que estamos habituados, ou mesmo á que está a emitir ultimamente a TVG, do mesmo concerto. O DVD consegue subirnos ao escenario e facernos complices de cada guiño, e cada sorriso compartido entre os músicos; e sentir a enerxía que emana de cada peza. Polo documental que nos achega ás persoas, e polo nivel de compromiso que se palpa no mesmo”.
O feito de que tres dos discos que se colocan entre os mellores de 2009 sexan directos dá para pensar na importancia que está a coller este formato na música galega. Atopámonos ante producións cada vez máis ambiciosas, como confirma o feito de que todos os que fan parte da lista conten cun DVD adxunto que amosa as correspondentes actuacións.
Folk
Seguindo en clave de folk, Raquel Gamallo apunta o traballo de Pancho Álvarez en Sólidos Galicianos (PAI Música). “Porque é un disco que dá gusto escoitar e saborear; nas melodías, nos arranxos, e na calidade da gravación. E pola sorpresa que pode levar un cando descubre nos ‘créditos’ que practicamente detrás de todo o que escoitas está un só home. Algo que non pode máis que espertar unha profunda admiración”. A responsable de Ghastaspista tamén aposta por Abrollido (PAI Música) de Os Terribles de Donas “por chamar ao baile dende o instante en que lle das ao “play”, facendo imposible que unha se manteña parada no sillón. Polo formato libro-disco en que ven presentado; e que ben agradecemos @s que gostamos da posibilidade de educar algo máis que o ouvido (que non é pouco). E por ver xuntos da man, na contraportada, ao Concello de Gondomar e á Câmara Municipal de Paredes de Coura, coidando dun patrimonio común”.
Debuts
Semella que 2009 foi un ano pródigo en estreas discográficas de calidade. Seguindo aínda co ton tradicional, Pepe Cunha introduce na súa escollao Tiruriru (Falcatruada) do Cuarteto Caramuxo, gañadores do certame Festival Folk Cancioneiros da Fundación Barrié en 2008. “Un fresco traballo de catro clarinetes, un acordeón e a percusión reinterpretando melodías tradicionais e composicións de autores contemporáneos. Cunhas pingas de pop, jazz e sons doutras latitudes, o clarinete recupera o protagonismo de antano”.
Pola súa banda, Xurxo Souto salienta nese sentido Em terra de ninguém (Falcatruada), primeiro traballo longo de Som do Galpom, aínda que advirte que “ tamén podería ser Kogito, Machina, ou o primeiro cd da rapeira Aid. Isto é, unha nova fornada, músicos “sen pasado” –somos un pobo de artistas- que neste 2009 revelaron definitivamente o seu talento”.
Tamén Xavier Valiño, xornalista musical e responsable do webzine Ultrasónica, aposta por unha estrea, a do grupo Indómitos co seu CD homónimo (El Beasto). Para el, o proxecto supón “a gran sorpresa galega do 2009 chegou desde Glasgow, onde os definiron como “spanish horror-punk”. Alí formáronse e tocaron durante un tempo Manu (guitarra e voz), Nico (baixista) e Paula (batería). O seu debut, con ecos de The Cramps ou Parálisis Permanente, chegou en rigoroso negro e edición en vinilo de só 500 copias. Nel, referencias escuras, ásperas como a lixa, e cancións que conseguen, coa mínima expresión e uns textos esqueléticos, unha combustión espontánea en tan só dous minutos”. A presenza de tantos debuts nesta escolma é un indicativo do bo momento que está a atravesar a música galega e semella indicar que o seu futuro está garantido, con altas cotas de calidade e unha ampla variedade de estilos.
Variedade
A consolidar as súas carreiras, atopamos nesta escolma os segundos traballos de Ataque Escampe e de Abraham Boba. No primeiro caso, é Pepe Cunha quen selecciona A grande evasión (A Regueifa), “Desde Vista Alegre volveron chegar unhas letras lúcidas e un rock acústico cada vez máis lucido, con aires folk, pop e de Americana. Proben a evadirse con Europa e o ballet, Sempre nos matan, Criptozooloxía aplicada ou Os vingativos”, apunta.
Xavier Valiño apunta La educación (Limbo Starr) de Abraham Boba coma unha das revelacións musicais de 2009. “O vigués David Cobas será un descoñecido aínda que, ademais de colaborar con Nacho Vegas, ten dous discos con Belmonte e un con Tedium. Con La educación, o seu segundo disco en solitario, logra o que o seu debut prometía e non conseguía: ser o mellor crooner actualmente en España, con cancións repousadas de pop orquestral na onda de Scott Walter, Frank Sinatra ou Leonard Cohen. Pode que compor agora tamén coa guitarra, e non só con piano, axude a ese paso de xigante”. Tamén nos lembra Valiño o traballo de Juan Rivas en Superdiscotropical. “Tempos turbulentos para as grandes discográficas, que se xa o teñen difícil, non son capaces de ver o potencial de xente como Juan Rivas. EMI deixouno marchar e el autoeditouse o seu novo álbum, Superdiscotropical, que, cun pouco de promoción, podería ser un gran éxito. De novo, unha saborosa ración de influencias anglosaxonas e latinas (maiores nesta ocasión), totalmente accesibles, pero como ninguén o fai hoxe en día. O seu lema: “Música de doada escoita para un relax rutinario”.