música nos barrios: Ugia Pedreira & Fred Martins e Silvia Penide en Ferrol

Decembro 12, 2011

Falarmos de concertos de música popular adoita vir asociado a iniciativas principalmente privadas en salas, pubs, bares, auditorios ou sedes de fundacións. Mais tamén existen os festivais e as programacións culturais dependentes das concellarías de cultura e as deputacións, pois un dos seus labores é achegar propostas culturais á cidadanía. Polo menos, iso pensamos quen agardamos ver máis aproveitadas esas inversións feitas en centros culturais ou asociacións de veciños, Neste contexto é onde cobra protagonismo a acción do técnico ou asesor cultural coas propostas que recibe de produtoras e mánagers. De non ser así, córrese o risco de sufrir a posible escaseza de coñecementos do concelleiro e/ou abusar do amiguismo, coa consecuente limitación a eses artstas “que mellor se arrimen á corporación de turno”.

Estas actividades, sexan teatro, exposicións ou música, ven limitada a súa difusión ás edicións locais dos xornais ou algún cartel ou libriño que se distribúa polos centros beneficiados. E logo pasa o que pasa: principalmente que a asistencia non vaia acorde coa calidade do que se ofrece. E iso foi o que observamos na cidade de Ferrol con motivo das dúas últimas citas musicais do programa “Cultura nos barrios”: Fred Martins & Ugia Pedreira no Centro Cultural Carvalho Calero e Silvia Penide no Centro Cívico de Caranza apenas contaron cunhas ducias de persoas que gozamos dos seus talentos.

O sábado 3 o brasileiro Fred Martins & a mariñá Ugia Pedreira presentaban as pezas do seu proxecto conxunto “Acrobata”, que tanto gustou na redacción desta web polas súas pezas coas que gozar devagar nun mundo acelerado. Como podemos testemuñar, forman un dúo que non ten ningún problema para adaptarse a calquera recinto, tanto fronte a centos coma só ducias de persoas, que desta vez foi o caso. De feito, esa intimidade failles explotar aínda máis as súas innatas carisma e proximidade, até o punto de marcarse unha versión galeguizada do bolero popularizado por Los Panchos “Rayito de luna” ou atreverse Ugia a amosar as súas primeiras aprendizaxes coa guitarra nunha rancheira. Complicidade, dúas voces fermosas, unha guitarra cálida e unha convicción todoterreo que tras esta actuación “de barrio” pensaban xa na súa vindeira, nun festival en Euskadi con, de seguro, moito máis público apreciando o seu bo facer.

No sábado seguinte sería o turno para Silvia Penide, que se acompañou de 4 músicos da escena coruñesa para o seu regreso a Ferrol. Xa viramos a de Meicende por estes lares nun formato máis reducido e proclive á etiqueta de cantautora. Mais non pensen no concepto habitual de ‘compositora que interpreta as súas propias cancións comprometidas ou amorosas cunha guitarra acústica’. Si, probablemente foron compostas reflexionando coas mans na guitarra, pero ela non abusa dos tópicos senón que expresa o seu xeito de sentir, de ver a vida, de analizar os sentimentos para convertilos en canción dun xeito directo, espido e que se arrisca a recoñecer tanto a fortaleza como a vulnerabilidade. Silvia é unha artista feita a si mesma, a base de aglutinar influencias (recoñeceu a de Christina Rosenvinge cunha versión) pero conseguindo imprimir un selo de seu. Unha vez no escenario, a banda que a acompaña imprime ás cancións aínda máis forza á que xa ela transmite. Porque a súa proposta gustará máis ou menos, como pasa con toda expresión artística, pero a súa sinceridade e convencimento non pasan desapercibidos. Con eses mimbres agardamos ese cuarto longa duración no que está a traballar e do que presentou algunha peza.

Ben sabemos que son tempos duros para a difusión do que non encaixa nas radiofórmulas e o ‘mainstream’ máis impersoal. Claro está que existe a sensación de que o que non atopa os seus minutiños nas teles ou radios case que nin existe, pero sirvan estes dous concertos coma exemplo de que paga a pena buscar, mirar un chisco máis aló do que nos meten polos ollos. Hai vida fóra do balbordo mediático, hai oferta barata e de balde e mesmo nun horario de media tarde que se adapta a pequenos e maiores. Precsiamente estas programacións teñen entre os seus obxectivos achegar manifestacións culturais á veciñanza. Aproveiten, mentres esa falsa austeridade e os recortes o permitan, esa aproveitable alternativa de ocio, ese feixe de actuacións polas vilas e barrios urbanos. Anímense e busquen, que a recompensa sabe mellor, e teñan presente aquela frase dos Esclarecidos: “los tesoros búscalos en el montón”.

Pepe Cunha. 11/12/2011

AXENDA

Facebook

6 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook