Música na Noite 15: Os Cempés + Taghaitai + Vai Rañala + Homen Band + Os Devotos do Folclore 300

Xullo 07, 2012

5ª edición do Festival Música na Noite. O festival vaise celebrar nas noites do venres, 6 de xullo, e do sábado 7, no lugar de Solláns.

Xurxo Francos, membro da directiva da asociación, presentou os grupos, destacando os locais: Desequilibrio Mental, que participan na noite de Músicas Emerxentes (o venres 6, desde as dez e media da noite), e Os Devotos do Folclore 300, que participan na de Músicas Tradicionais (o sábado 7, tamén desde as dez e media). Salientou ademáis a actuación de Os Cempés, que volven aos escenarios nesta tempada de verán. Xunto con eles e Os Devotos do Folclore 300, a noite de Músicas Tradicionais vai contar coa presenza de Taghaitai, Vai Rañala e Homen Banda, que chega desde o Brasil. Na noite do venres actuarán O Sonoro Maxín, a Compañía do Ruído e Los Mighty Calacas, recén chegados de México. Entre actuacións, e a pé de barra, o Leo i Arremecághona vai presentar o seu espectáculo do “cantautor bomba”.

Francos detallou os servizos que ofrece o festival: acampada de balde “e á sombra”, aparcamento, barra, e un menú especial preparado pola veciñanza de Calo a base de callos, churrasco e bolos preñados. Animou á xente a participar e a consumir, pois esta é unha das principais fontes de ingresos do festival, xunto coa venda de camisetas e rifas ou as aportacións das persoas asociadas a Lúa Chea, que pasan das oitenta persoas.

Ao financiamento do festival tamén contribúe o Concello de Teo. O seu alcalde, Martiño Noriega, destacou o “orgullo do concello ao apoiar o festival” e recoñeceu o traballo da asociación, porque “se non houbera xente na asociación, este festival dificilmente sería organizábel” só polo concello. Salientou a vontade do concello de apoiar o tecido asociativo que fai cousas “da xente e para a xente”, e sinalou que as iniciativas culturais “máis que eliminalas, hai que vitalizalas”.

22:30 h.
Lugar de Solláns, Calo, Teo.