Sexas ouvinte afeita ou cústeche tomar algo en serio a música electrónica, aquí tes un traballo realmente interesante para calquera das opcións. Músculo! regresan cinco anos despois do seu disco homónimo e nun proceso continuo de aprendizaxe e experimentación. Vanse achegando a como queren soar e presentan unha colección de pezas que tanto encaixa co típico “déixate levar” como cunha escoita máis atenta. “Ulla” resulta variado, libre, mecido por ese equilibrio imperfecto entre a electrónica e un son orgánico.
Adican o álbum á contorna e as lembranzas asociadas ao seu río Ulla e para reflectilo empregan instrumentos orgánicos nun contexto electrónico. As seccións de corda constrúen os momentos emotivos e o álbum abrangue desde a máis asequíbel e bailábel «#anti#go» até o son máis cru, áspero ou mesmo alucinóxeno de «A Torre», porque aquí hai espazo abondo para a distorsión mais tamén para momentos máis cristalinos e delicados, como “Escravitude”.
Músculo! constrúen a electrónica ao seu xeito, rachan con tópicos asociados a cotío a ela, como frialdade ou frivolidade. Fan electrónica con denominación de orixe segundo Ferror Records, desde onde se encargan dunha edición ben xeitosa en vinilo, con portada de Carlos Beiró e deseño de Rubén Dominguez (Prenom, Pantis, Telephone Rouges).
Pepe Cunha, 18-abril-2023
repertorio
1.Ulla
2.#anti#go o máis accesíbel, bailábelm ente luminoso, Daft punk
3.Elvira
4.Augalavada
5.Escravitude
6.Casa vella
7.A torre
8.A ponte
9.As pontes