Era sábado no Multiusos do Sar e, malia non xogar o Obradoiro, tamén cantamos o “Miudiño”. Desta vez non foi ao principio dun partido de baloncesto senón xusto antes dos bises do concerto de Fermin Muguruza. O donostiarra convocara a súa afección galega (e non faltou representación da asturiana) para un “akelarre antifeixista” na xira coa que celebra corenta anos desde aqueles comezos coa banda Kortatu. Moitos anos de músicas e doutras disciplinas audiovisuais, de loita, represión, reivindicación, solidariedade e amizades. Como a de Xurxo Souto, que foi quen apareceu para poñer a nota máis autóctona, ese himno popular que acompañou outros na traxectoria de Muguruza. Como esperabamos, vivimos unha noite intensa na que bailamos todo e puño en alto compartimos proclamas necesarias, vixentes e invisibilizadas: a defensa da terra -Altri Non!-, o imperialismo asasino sobre Palestina e moitos outros países, o manipulación mediática -Defende a Galega-, a lingua propia, e máis inxustizas e abusos do local ao global.
Coas entradas esgotadas para pista e unhas gradas a media ocupación, os abreconcertos Nakar foron quentando o ambiente co seu electropunk. Á hora anunciada comezo soar “Maputxe” a modo de intro e ocuparon o palco nove músicas e Fermin Muguruza para comezar dúas horas e media de baile nas que repasaron con xenerosidade e equilibrio tan longa traxectoria. Arrancaron con dúas paradas máis no celebérrimo “Brigadistak Sound System” (“Urrun”, “Eguraldi Lainotsua Hiriburuan” e máis adiante ) e contaron con proxeccións de documentais, filmes e demais para acompañar a música, contundente e precisa, que entregaba un combo entregado e composto por trompeta, saxo, trombón, batería, percusións varias, trikitixai, baixo, guitarra e voces. Non obstante, o éxito non sería total por mor da calidade acústica cativa do pavillón. Iso si, os técnicos de son fixeron todo o que puideron e zafaron dentro das posibilidades.
No repertorio non tardou nada en aparecer a época de Kortatu, que foi a máis espallada e celebrada: a versión dos Specials “Hay algo aquí que va mal”, “La linea del frente”, “Etxerat!”, “A la calle”, “After-Boltxebique”, “La familia Iskariote”, “Desmond Tutu”, “Zu atrapatu arte”, “Nicaragua Sandinista” … e unha final “El Último Ska De Manolo Rastamán” coa que presentaría a banda no final, antes dos bises. Loxicamente, tamén foi moi protagonista a etapa Negu Gorriak con “Hiri gerrilaren dantza”, “B.S.O.”, “Itxoiten”, “Kolore bizia”, “Radio Rahim”, “Gora Herria” ou a versión de Otis Redding “Errespetua”. Volveron visitar “Brigadistak Sound System” (“Newroz” e a versións de Toots and The Maytals “54-46”) e o seguinte “FM 99.00 Dub Manifest” (a peza homónima, “Big Beñat”, “Bere Bar”) entre paradas puntuais nas abondas entregas e colaboracións discográficas: “In-komunikazioa”, “Black Is Beltza”, “Yalah, Yalah, Ramallah”, “Euskal Herria Jamaika Clash”, “Balazalak”, “Berlin – Ulrike Meinhof” (con The Suicide of Western Culture), “Bidasoa fundamentalista” (con Dut) …
Por se non abondase con este repertorio tan completo, cómpre salientar momentos concretos de emoción como cantarmos a Internacional acompañando a trikitixa do tremendo Xabi Solano baixo imaxes do “Tempos modernos” de Charles Chaplin, a presenza doutra artista do país como Sés en “Gora Herria”, o recordo a Iñigo Muguruza con proxeccións mentres interpretaban “Bizitza zein laburra den” e o final apoteósico e máis forte ca nunca contra calquera censura e prohibición: “Sarri Sarri”. Sen necesidade de subvencións ou apoios institucionais, con colaboracións locais en produción, barras e difusión, Muguruza deixounos unha noite para gardar na memoria e no día a día.
Pepe Cunha, 20-marzo-2025


