O cuarteto vigués de rock-funk-soul-e máis foi unha desas bandas que coa chegada do confinamento pola COVID-19 viron truncadas as xiras dos seus últimos traballos naquela altura. O disco “Civil Fuzz Brigade” apenas tivo ocasións de lucir diante do público e precisamente o detonante dese infortunio significou o albor do que temos entre mans. A pandemia supuxo moito tempo para pensar e, inspirados tematicamente na pandemia, Moon Cresta argallaron para o seu quinto disco nada menos que un “discómic”; é dicir, a conxunción dun álbum clásico de música de oito cancións -iso si, de ar conceptual- e unha banda deseñada sobre outros tantos capítulos a cargo do ilustrador Raúl Maya, “El Flako”.
Antes de nada, sinalar que quen foxen ao escoitar o cualificativo de conceptual non deberían facelo, pois cada canción ten personalidade propia malia servir ao conxunto narrativo, non fica coxa. “Zadym” fonde con solvencia e gusto literatura, imaxe e música nunha obra honesta, creativa e valente. En The Fish Factory, editora do seu anterior disco, creron neste traballo sen dubidalo ao comezaren unha liña editorial e mesmo ofreceron a publicación en castelán ademais da inicial en galego. E precisamente na lingua propia estréase agora esta banda até o momento anglófila. “Un día máis” e “Non hai plan” forman parte das oito cancións ordenadas nun fío narrativo ordenado, lineal, que entrelaza o que canta David e debuxa Raúl neste mundo de rock progresivo unido a unha narrativa visual a toda cor. E así como non se debe desvelar o argumento, tampouco imos mencionar algunha que outra chiscadela a clásicos que atopamos no musical.
Gravado en Garaxeland e sen colaboracións externas, David “Mr. D.” Vázquez (voces e teclados), Manu Doble L (guitarra), Antón F. Piru (baixo) e Manu Ares (batería e percusión) amosan con máis de vintecinco anos de carreira que seguen en forma na parte musical dun artefacto cultural atractivo, creativo, arriscado, con groove e paixón. Cando a industria musical semella afogar no dixital, o efémero e máis presenza da imaxe, resulta moi gratificante que sigan bandas que non perden o referente de tempos máis clásicos ao tempo que se reinventan en cada traballo.
Pepe Cunha, 18-febreiro-2026
Contido do libro de máis de 60 paxinas:
– Prólogo
– Guía orientativa de lectura
– Capítulo I (A chegada)
– Capítulo II (Un día máis)
– Capítulo III (Masacrándoo todo)
– Capítulo IV (A nota)
– Capítulo V (Un novo amencer)
– Capítulo VI (Nunca te rendas)
– Capítulo VII (Non hai plan)
– Capítulo VIII (Epílogo)
– A incubación de Zadym
– Making Off
– Moon Cresta: A viaxe dunha banda polo século XXI
– Agradecementos e Colaboradores


