Mondra, Montedapena e mariagrep & Mundo Prestigio participarán no segundo semestre de AIEnRUTa-Artistas

Setembro 10, 2026

Mondra, Montedapena e mariagrep & Mundo Prestigio participarán no segundo semestre de AIEnRUTa,-Artistas, o programa organizado pola Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) para potenciar a música en directo e favorecer a circulación de artistas por salas de todo o Estado.

A representación galega neste circuíto é froito dun acordo iniciado no segundo semestre de 2025, entre AGADIC (Axencia galega de Industrias Culturais) e AIE mediante o que se garante a presenza de tres artistas ou bandas galegas en cada período de programación de AIEnRUTa. Trátase de catro concertos por cada proxecto seleccionado por unha comisión integrada por representantes da entidade organizadora de todas as comunidades autónomas participantes e de persoas expertas no eido musical.

 

Mondra comezará o 24 de setembro en Barcelona e seguirá por Valencia o día 25, Madrid o 26 e Badajoz o 30 de outubro. O artista presenta o seu espectáculo A RONDA vencellado ao seu segundo álbum, “De ronda”, e no que combina voces, sintetizadores e percusións tradicionais e incorpora tamén a danza.

Montedapena actuará en Madrid o 15 de outubro, en Mayorga (Valladolid) o día 16, en Oviedo o 30 e pasará por Zamora o 31. O proxecto de Héctor Rodríguez presenta “Menos mal”, un EP que dá continuidade ao seu primeiro disco homónimo publicado en 2025.

A unión musical de mariagrep & Mundo Prestigio completa a representación galega desta segunda metade do ano con actuacións en Valencia o 18 de setembro, San Sebastián o 17 de outubro, Oviedo o 13 de novembro e Barcelona o 17 de decembro.

Asemade, AIEnRUTa, desenvolverá ata final de ano 28 actuacións de grupos doutras comunidades en trece salas galegas e dous festivais.

 

AXENDA

Facebook