nota:
Mon Laferte converteuse nun dos fenómenos da canción latina. A cantante e compositora chilena combina pop, rock e canción lixeira, adaptándoa aos novos tempos. O seu bo facer gañoulle o favor dun público que eleva a 7 millóns o número de seguidores nas súas redes sociais e a 3 millóns os oíntes mensuais en Spotify.
O seu éxito chegou en 2016 tras editar o seu xa mítico disco Mon Laferte Vol.1 que lle brindou dous nomeamentos ao Grammy Latino nas categorías de “Mellor Novo Artista” e “Mellor Álbum de Música Alternativa”. Ademais, este traballo inclúe grandes éxitos como Tu falta de querer, Amor completo e Si tú me quisieras, os cales acumulan máis de 250 millóns de reproducións en Youtube.
A súa última produción discográfica, chamada La Trenza (2017), conta coa participación de invitados da talla de Enrique Bunbury, Manuel García e Juanes. Este álbum é a continuación perfecta ao camiño exitoso que se abriu con Vol.1 a nivel internacional. La Trenza proponnos un abanico de sons máis variado na proposta de Mon, desde o bolero ao pop, pasando pola balada, o ska e o valse peruano.
O seu recente single Antes de ti, que acumula 60 millóns de reproducións só en Youtube, foi nomeado aos Latin Grammy 2018 na categoría “Canción do Ano”.
Os seus directos van máis aló dun show musical e convértense nunha historia, con Mon Laferte como protagonista, na que a súa voz irradia maxia e esperta fascinación a partes iguais.