Momboi “Vacaciones en Ornanda”

Novembro 25, 2022

En só tres anos, este proxecto nado en Noia publicou un EP de presentación, “Ofrenda” (2019), foi finalista do XII Certame Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais organizado pola Deputación da Coruña e resultou unha das gañadoras do concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans. Ademais, os dous adiantos con videoclip (“Acacias” e “Teresiña”) axudaron crear unha expectación que veñen confirmar neste primeiro longa duración. A súa idea de “mesturar as influencias folk latinas e galegas con outros estilos mais habituais para nos ata ese momento” amosa consistencia ao longa dunha ducia de cancións que xuntan baixo a inspiración da praia de Ornanda, o Hostal Azteca a explotación turística da costa galega nos anos 80-90.

Porén, a idea dun disco “conceptual” non vai en detrimento da singularidade das cancións. Estas conservan cadansúa identidade ao tempo que pertencen a un fío lírico de versos evocadores, nostálxicos, que nos transmiten lembranzas daquel ambiente, as vacacións, as noites de verán … con gran protagonismo da natureza e as sensacións que provocan nas persoas. A maioría das veces son tenras, procuran máis o común que o individual e chegan a acadar a complicidade da escoitante; mais tamén nalgunha podemos tamén sentir un chisco de amargura: “Hostal Azteca permíteme que te recorde, decadencia, decadencia”. Todo cantado sobre medios tempos, propoñendo un baile contido, repousado, mesmo tímido, e presentado visualmente tamén con cohesión estética na edición física do disco e na roupa que os músicos visten nos concertos.

“Vacacións en Ornanda” é un disco recomendábel para quen teña un mínimo de gusto ou curiosidade e que agradará especialmente a un público próximo á fusión roqueira-latina que nos leva dos primeiros discos de Santana (as percusións que achega Carlitos Freire gañáronlle un posto na banda) até un Depedro, por exemplo; co instrumental “O canto da serpe” que a min me lembra a Marc Ribot y los Cubanos Postizos ou “Espellos quebrados” con ese teclado tan característico duns Doors. Non obstante, aquí non hai tanto cancións homenaxe ou exercicios de estilo coma escoitas asimiladas para construíren pezas propias que funcionan tan ben como “A chave”, “El camino”, “El viento” con esa liña de guitarra acústica que invita a fechar os ollos e deixarnos arrolar, “Teresiña” e o seu achegamento fermoso ao folklore galego con Belém Tajes na voz e as pandeireta e tamboril de Edelmiro Fernández, a mais bailábel “Cantos Abisais” … Polo de agora máis folclore latino e anglosaxón que galego, pero que sigan a escoitar e a inspirarse para nos entregaren resultados así de convincentes.

Pepe Cunha, 25-novembro-22

https://momboi.bandcamp.com/album/vacaci-ns-en-ornanda

AXENDA

Facebook