nota:
Músicos Ao Vivo concederá este ano o seu Premio Honorífico a N.H.U., un grupo dos 70 cuxo único disco de rock progresivo en galego segue a ser obxecto de culto
Nun acto sinxelo e moi familiar, no que a música correu a cargo d”A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, gañadores da pasada edición na categoría de Orquestras, a Asociación de Músicos ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 2ª edición dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. Foi no transcurso da Festa de Nomeados do certame que se volveu celebrar nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados. Entre os finalistas, proxectos con traxectoria, e mesmo premiados na anterior edición como é o caso de Transivalnians ou Machina; Narf que desta volta aparece coa formación de trío; e tamén finalistas que repiten como Xoel López que nesta ocasión prefire vincularse á nova categoría de Canción de Autor; Caxade, Pablo Díaz, Cró ou Wöyza. Este é o listado os 54 proxectos nomeados:
Pop e indie: Ataque Escampe / Silvia Penide/ Los Chavales
Rock: Cró / Narf Trío / The Cornelius
Blues, funk & soul: Cats and Monkeys / Bakin Blues Band / Victor Aneiros
Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá / Felipe Villar Trío / Xan Campos Trío
Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza / Som do Galpom / Aid Alonso
Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430 / Sounding Images / Samuel Diz
Folque: Vaamonde, Lamas e Romero / Cuarteto Caramuxo / Caxade
Música tradicional galega: Treixadura / Davide Salvado / Malvela
Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores / Trilitrate / 2uS
Canción de Autor: A Cada Canto / Xoel López / Xoán Curiel
Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc / Xiqui Xoque Fiú Fiú! / Golfiños
Electrónica: Sub Rosa / Pálida / Chrysalid9
Metal: Aphonnic / Nao / Machina
Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi / Dakidarría / Transilvanians
Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Os Modernos / Los Satélites / Claxxon
Premio Organistrum Salas: Aturuxo / Garufa Club / Sala Capitol
Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Festigal / Festival Sinsal Son Estrella Galicia
Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: GZMúsica / Planeta Furancho / Tres Peixes Voando
Ao remate do acto, o presidente das Bodegas Martín Códax, José Martínez Chantada, deu a benvida aos asistentes e destacou que “a adega estivo vinculada dende a súa fundación á cultura galega que é signo distintivo da nosa terra e é unha honra para a nós dar nome a este certame”. Chantada valorou a implicación da firma nestes premios como “unha aposta que nos está demostrando que paga a pena defender o noso, e que o sector musical ten un potencial que debemos promover tanto dentro como fora das nosas fronteiras”.
O acto estivo conducido por Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos ao Vivo que agradeceu “a implicación dos músicos galegos unha vez máis neste proxecto ilusionante que nesta edición logrou reunir a 360 proxectos e que volve converter a web dos premios www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento. Antelo lembrou que o balance non podía ser máis positivo: 307 grupos, 14 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación inscritos, e engadiu que “este segundo certame, pasará á memoria como a edición da consolidación. O que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá”. Canto aos Premios Organistrum, asegurou que “fan un primeiro achegamento sobre as salas, os festivais e os espazos de comunicación musical que valoran positivamente a visibilidade que supoñen estes premios”. O voceiro de MAV concluiu a súa valoración asegurando que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios” e resaltou o feito de que en todas as categorías haxa proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, algo que fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de Música en Galicia”.
A esta festa de nomeados asistiu tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil, que felicitou a todos os nomeados e reiterou o seu apoio a esta iniciativa da Asociación de Músicos ao Vivo.
Os asistentes puideron disfrutar dunha cea servida polo chef do Grupo Nove, Antonio Botana, que presentou un menú baseado nas creación gastronómicas coas que a diario traballa nos seu restaurante de Cambados, Pandemonium; e que se acompañou cos viños das Bodegas Martín Códax. Durante o acto presentáronse tamén as primeiras estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados na gala que se celebrará o mércores 17 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, e onde ademais dos 18 gañadores que sairán desta lista de finalistas, entregarase tamén o premio Honorífico Músicos Ao Vivo á banda galega de rock progresivo dos 70, N.H.U.
“O Premio Honorífico Músicos ao vivo deste ano 2014 ven a recoñecer a N.H.U., como proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, underground e carente de referentes próximos. Músicos Ao Vivo valora a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista. Con este recoñecemento, facemos xustiza, recuperamos memoria e ampliamos a nosa perspectiva como potencial musical, no espazo e no tempo. Parabéns a N.H.U.”.