Moitas sorpresas entre os premiados nunha emocionante gala conducida por Chévere en clave feminina

Decembro 17, 2014

nota:

Co Pazo da Cultura de Pontevedra a rebentar de xente, a segunda cerimonia de entrega dos Premios Martín Códax da Música consolídase como referente no panorama dos galardóns culturais do país. A gala será emitida en diferido o sábado 20 de decembro ás doce e media da noite na TVG.

O que presenciaron no Pazo da Cultura de Pontevedra os máis de 700 asistentes á gala dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, promovidos pola Asociación de Músicos Ao Vivo (MAV), superou as expectativas de calquera gala en termos de emoción e calidade das propostas escénicas e musicais. O espectáculo creado unha vez máis nesta edición por Chévere –Premio Nacional de Teatro 2014- estaba artellado cun obxectivo claro: reivindicar a presenza da muller na música e no mundo. As Fillas Bravas foron as encargadas de conducir o espectáculo que foi dando paso a sketches no máis puro estilo ‘ultranoite’, sempre en clave de xénero e acompañados das actuacións das Pandereteiras da Maía ‘Maianas’; o dúo de punk feminino ‘Bala’, a baterista de jazz Lucía Martínez e a pianista de clásica, Brenda Pián. Como remate a esta gran festa da música galega, unha emotiva interpretación do tema ‘Matriarcas’ de Guadi Galego, que cantou acompañada no escenario por ducias de mulleres músicas ás que se sumaron tamén no final todos os premiados desta edición.

Os premios foron entregados por músicos ben coñecidos como Abe Rábade, Mercedes Peón, Susana Seivane, Gloria Mosquera, Santi Cribeiro, Pablo Novoa, García MC e Sonia Lebedinsky. Os triunfadores da noite levaron a casa unha das estatuíñas que o escultor e músico, Víctor Lorenzo, creou especialmente para o certame a golpe de motoserra, e que xa están bautizadas como ‘Os Melómanos’. Nesta edición inscribíronse un total de 360 proxectos (307 grupos, 14 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación), o que volve converter a web do certame www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento. No seu discurso de clausura, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, reivindicou “un mundo onde a empresa privada non vinculada ó sector cultural, sexa quen de investir en cultura, en música de proximidade, sen complexos, con orgullo, con intelixencia e con amor ó propio, un mundo onde o corazón e a ilusión teñen un oco privilexiado nos balances anuais, onde as administracións públicas, as políticas e os políticos están ó servizo das ideas, por riba de fronteiras competenciais, de siglas, ou bandeiras. Un mundo onde a emoción e a paixón determinan as partidas orzamentarias, onde todo un sector cultural, que sufre, que pelexa, e que ama profundamente o que fai, apoia e alenta sen fisuras un horizonte común, máis normalizado, máis maduro e máis vivo e forte que nunca”.

Ao remate do seu discurso, Antelo anunciou que a actual Xunta Directiva de Músicos ao Vivo, que comezou hai 6 anos a súa andadura dará paso a unha nova directiva que se incorpora a partir de agora; e rematou asegurando que “todo o traballo e os esforzos para chegar ata aquí, non son absolutamente nada se o comparamos coa satisfacción e a felicidade que nos veu de volta. Agora, tócalle o relevo a outros músicos e músicas. Outra Xunta Directiva que soñe con outros mundos posibles, e que sexa quen de contaxiarnos a ilusión de traballar para facelos realidade entre todos e todas nós.Vémonos nos concertos!”

Os premiados nesta edición foron:
Pop e indie: Ataque Escampe
Rock: Cró
Blues, funk & soul: Cats and Monkeys
Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá
Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza
Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430
Folque: Cuarteto Caramuxo
Música tradicional galega: Davide Salvado
Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores
Canción de Autor: A Cada Canto
Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc
Electrónica: Sub Rosa
Metal: Nao
Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi
Orquestras, grupos e música de verbena: Los Satélites
Premio Organistrum Salas: Aturuxo
Premio Organistrum Festivais: Festigal
Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Planeta Furancho

AXENDA

Facebook