Moel “Punto de partida”

Abril 16, 2025

Boa parte dos discos que recibimos veñen acompañados dunha nota de prensa ás veces sobreactuada, mastigada, que semella procurar un curta-e-pega e render un apoio incondicional. Porén, quen queremos ser algo máis que meras canles de transmisión sen filtros agradecemos recibir obras que nos chegan porque si, sen presión, porque as artistas ou a produtora pensan que gustarán ou simplemente por saberen das nosas impresións. Este é o caso de Moel, “un proxecto que xorde da necesidade de contar en forma de canción. Carlos Abal (guitarras) e Ramón Núñez (voz) criáronse xuntos tocando en Barrantes, agora na madurez deciden reencontrarse para contar como é o seu xeito de entender a música”, que se presentan así no seu bandcamp, onde podedes escoitar o disco.

En 2021 este dúo foi presentando “Dente de león”, “Casa deshabitada”, “Duendes e fadas”, “Ata onde chega o mar”, mais non é até agora que aparecen estas canda cinco cancións máis nun álbum completo. A Carlos coñeciámolo como fotógrafo e como compositor, con meritorias achegas na discografía de Guadi Galego, coa que asina “Pícanme os ollos”, interpretada tamén en 2021 por Guadi e Jairo Zavala (Depedro). Sen máis intención que compartir e acadar complicidades, Moel ofrece a combinación dunha voz real, próxima, convincente e confidente como a de Ramón asociada á sutileza de Carlos nos versos e as cordas (ukelele, guitarras, banjo, baixo, lap steel, coros), coros e teclados. Este “Punto de partida” maniféstase atemporal, nas antípodas das modas ou o oportunismo, cun predominio dos medios tempos, as baladas, agás na canción que titula o disco, cun pulso máis tenso e bluseiro, e a final “As mentiras e as verdades” onde os certeiros acordeón de Santi Cribeiro e a tuba de “Cote” achegan un lene ar de club nocturno ou cabaret. Sumen ademais a presenza na gravación do grande José “Niño” Bruno na batería e a voz de Guadi en “Casa deshabitada”.

Cantaban Esclarecidos aquelo de “los tesoros búscalos en el montón” e no mar de publicacións discográficas eu recomendo apañar esta pequena alfaia de pop-folk-rock (case) acústico, sen artificios, que nos invita ao recollemento, a parar o tempo, escoitar e reflexionar. Máis aínda, facémolo ao tempo que observamos unha presentación física autoeditada e exquisita, coas fotos elegantes e suxestivas de Carlos en branco e negro. Na redacción xa lle fago un oco canda “Kamikazes enamorados” de Quique González, “Esqueletos” de Hendrik Rover, “Carreiro” de Peña , “O fillo de Suso” de Holgado

Pepe Cunha, 16-abril-2025

 

 

AXENDA

Facebook