publicado no suplemento “Sermos” de Nós Diario o 23 de maio de 2026
Quen coñeza ou vise a arzuá MJ Pérez, como intérprete ou comunicadora, sentiría un entusiasmo e unha paixón das que deixan pegada. Pasaron trece anos desde o seu debut na canción de autora “Ollos que non ven, síntoma de cegueira” e cos seguintes creceu na voz e composición até gañar un lugar de seu no noso panorama musical. “Guerrilleira”, “Cassandra” e “A luz prendida” abriron as fiestras a outros estilos e este seu quinto álbum sexa talvez o máis rico, consistente e sólido. O título de “Je tiens bon” fai referencia á idea de “aguantar, resistir, manterse firme e seguir pese a todo”
Desde “A luz prendida” (2020, ano cero do confinamento), MJ pasou por momentos de dúbidas vitais e artísticas que non son alleas a outras compañeiras de profesión. Pensemos no sentido de seguir a compartir cancións, de editar discos físicos, de ter concertos que xustifiquen economicamente o feito de seguir a percutir neste ecosistema de subvención, oportunismo e axudas mal repartidas. Ben sabemos da diversidade creativa deste país que segue sen se corresponder co que sería unha industria equilibrada. Lóxico frustrarse en tempos de caducidade pronta e sometemento ao single ou temazo que enganche xa.
Contra isto, MJ amosa ideas claras, personalidade, mensaxe, autoesixencia. Faino cun disco ecléctico pero nada atrapallado, que tematicamente bambea entre o íntimo e o social ao xeito dunha artista sobrada de humor, ironía, inconformismo e sensibilidade. A autora lévanos cun repertorio xeneroso de trece cortes ao pop, música de raíz, rock, ritmos latinos e brasileiros e para facer mellor o camiño apóiase na banda dos seus directos, varias colaboracións e a produción de Peter Petrowski. No deseño, Laura Romero, ilustradora e baixista de Zënzar, e na composición compartida Sofía Espiñeira no feche do disco: esta vida é “Camiñar”.
Ademais das miñas debilidades “E non me ves” ou “Perdín a memoria”, abondas os momentos salientábeis relacionados con colaboracións ben elixidas: rabia a ritmo de rock en “Covardía” coa Concheira; o ánimo positivo de “Onde queres estar” coa nova Noelia Perpetuo; a denuncia da precariedade a ritmo de merengue en “Bingo!”; o humor e o recoñecemento dun xesto de cariño en “Sector Servizos”; un tema de corte pop africano, “Ouais, Ouais”, con Nastasia Zürcher … Canda o novo cancioneiro recupera “Barco á deriva”, argallada canda Iago Blanco, e “Ora aperta amor” en colaboración coas portuguesas Crua. Ademais, musica as poetas Rosalía de Castro (“Sempre pola morte esperas”) e Florbela Espanca (na brasileira “Amar” coas cordas de Margarida Mariño) e regala unha “Samba para Millene” ao xeito futboleiro do grande Jorge Ben e coa frauta traveseira de Carolina Costa.
Pepe Cunha, 23-maio-2026


