Bo día,
Este venres MJ Pérez regresará a Ferrol para presentar o seu último videoclip “A Peza Solta” e, acto seguido, ofrecerá un concerto acústico con banda. Será este venres 3 de marzo ás 21h en Cuerda Floja.
MJ Pérez regresa a Ferrol logo dun ano do máis intenso
MJ Pérez inicia este 2017 con máis forza ca nunca. Logo de rematar o 2016 por todo o alto cun segundo posto no Concurso Musical da Deputación da Coruña e de presentar o seu novo videoclip e single “A Peza Solta”, esta artista arzuá non para. Comeza agora a súa nova xira, na que despedirá o seu último traballo “Guerrilleira” para dar paso ao seu novo disco.
O próximo destino será Ferrol. MJ regresará á cidade para presentar en Cuerda Floja o seu último videoclip. Será este venres 3 de marzo, ás 21h, un acto que combinará a proxección do videoclip cun concerto en acústico de MJ e toda a súa banda.