misterioso viaje a holanda “nuncataxi”

Novembro 02, 2010

Esta nova banda formouse na Coruña a finais de 2007 e ese mesmo ano gañaron o II Certame Novaxove Music. “Nuncataxi” é un debut discográfico que chama a atención pola súa madurez. O seu é un pop elaborado pero sen a pretensión de anovar. Aquí trátase de ofrecer boas cancións de corte narrativo,é dicir, esas cuxa estructura vén condicionada pola letra (como ocorre en “A 200”). Non procuran a inmediatez dun retrouso, aínda que en “Silencio imperfecto” si encaixou. Coma referencia, poderiamos citar semellanzas coa escola de pop independente desde os Radiohead a Iván Ferreiro e os seus Piratas de “Ultrasónica” ou os Café Tacvba de “Cuatro caminos”. “Nuncataxi” son once temas traballados sen presa e unha colección de cancións dominada polos medios tempos e os adornos electrónicos sutís. Entre as pezas máis logradas cómpre destacar “El final de la gloria”, unha boa mostra dun pop preciosista, luminoso, cunha melodía doce que contrasta cunha letra máis ben amarga. Tamén nese grupo de temas algo máis inmediatos podemos mencionar “La humedad”, o tema máis rock do álbum. Tras traballar e gravar os temas na Coruña (estudios Bonham e estudios Bruar), apostaron polo prestixio de José María Rosillo para as mesturas e polos estudios Abbey Road para a masterización. Non merecía menos unha proposta pouco usual por estes lares. Edita Ernie.
Pepe Cunha 1-novembro-2010

AXENDA

Facebook