nota:
O Ciclo Sons Ferrol regresa o próximo 26 de setembro co concerto de Mikel Erentxun
O artista Mikel Erentxun vai ser o encargado de retomar a programación do Ciclo Sons Ferrol despois da pausa de verán. O cantante, líder de Duncan Dhu, actuará no Auditorio de Ferrol o vindeiro sábado 26 de setembro. Será o primeiro dos catro concertos previstos para os próximos meses, que completan cartel con Auryn, Supersubmarina e Ariel Roth.
Erentxun vai presentar no Sons Ferrol o directo do seu último traballo Corazones e interpretará tamén algúns dos temas máis coñecidos de Duncan Dhu. A voz de cancións tan emblemáticas como Jardín de rosas, Cien gaviotas o Una calle de París fará un repaso pola súa exitosa carreira, nunha proposta sobre o escenario que busca a conexión co público.
A actuación de Mikel Erentxun iniciarase ás 20:30 horas, acompañado de banda. As entradas para asistir xa están á venda cun prezo anticipado a partir de 13 euros segundo localidade. Pódense adquirir en ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Jofre. O día do evento estarán tamén dispoñibles no propio Auditorio.
Mikel Erentxun e Corazones
Con máis de tres millóns de discos vendidos con Duncan Dhu, Mikel Erentxun (Caracas, 1965) regresa ante os seus seguidores cun novo proxecto en solitario que pon en valor o seu talento compositivo e interpretativo.
Corazones sae do famoso estudio que Paco Loco rexenta na localidade gaditana de Santa María. O resultado é un longa duración con tinguiduras artesanais, gravado, mesturado e masterizado analoxicamente. Fórmano 16 temas que segundo o propio Erentxun resumen todas as influencias que recibiu ao longo da súa vida, desde os Beatles, ata Dylan. Con el, o artista persigue un son persoal e característico.